O BNG celebrará en Cabanas a Homenaxe á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística

convite def
convite def

Diferentes colectivos da comarca súmanse á xornada cun cortexo cívico que partirá da aldea cabanesa de Xicos

O BNG celebrará en Cabanas a Homenaxe á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), xunto coa Fundación Galiza Sempre (FGS), celebrarán o próximo 23 de setembro en Cabanas o acto político de Homenaxe Nacional á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística, co que se pretende honrar a memoria de todas as persoas que loitaron contra o Réxime franquista e sufriron a súa represión, comprendendo non só ás guerrilleiras e guerrilleiros, senón tamén a todas as persoas que serviron de apoio loxístico á mesma, dando refuxio, xantares ou compaña, e sen as cales a resistencia non sería posíbel.

Diferentes colectivos da comarca, entre os que se atopan Son Radiofusión, o Ateneo Fernán Martís, o Colectivo Terra, a Fundación Artabria ou a revista Mazarelos, quixéronse sumar a esta xornada reivindicativa, organizando nesa mesma data un cortexo cívico con saída da aldea de Xicos, percorrendo algúns os lugares da memoria da guerrilla antifranquista de Cabanas. Este roteiro estará guiado por Javier Rodríguez, decano da Facultade de Historia da Universidade de León, Henrique Sanfiz, director de Radiofusión, e Anxos García Fonte, profesora.

A xornada rematará cun xantar popular de confraternidade, no que as persoas participantes compartirán experiencias, o cal ten un prezo de 22 euros con menú pechado, habendo opción para persoas con necesidades alimenticias especiais.

A axenda da xornada será a seguinte:

11.00h – Cortexo cívico con saída da aldea de Xicos (parroquia de Regoela, Cabanas)

12.30h – Acto político de homenaxe (ao carón da Escola de Lavandeira)

14.30h – Xantar de confraternidade (pavillón de Lavandeira)

As persoas interesadas en participar no roteiro e/ou xantar, deberán inscribirse antes do mércores 20 de setembro, escribindo a [email protected] ou no teléfono 604 023 247.

Cabanas, base da IV Agrupación

A escolla de Cabanas para esta conmemoración non é casual, xa que este concello acolle a base da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza, que foi parte dese movemento e continuou en uso até comezos da década de 1950 en Cal do Barqueiro, nos terreos que hoxe ocupa o Parque Natural das Fragas do Eume.

O BNG celebrará en Cabanas a Homenaxe á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística