O BNG esíxelle ao Goberno local que demande as materias pendentes da Xunta con Cabanas
O BNG celebra que o PP súmese á proposta dos nacionalistas de solicitar a gratuidade da AP9 durante as obras da Ponte de Pedra
O BNG de Cabanas celebra que o Goberno municipal do PP súmese á proposta dos nacionalistas para solicitar a gratuidade da AP9 durante as obras da Ponte de Pedra que une Cabanas e Pontedeume, aínda que sexa “por conveniencia”, ao ser esta unha obra que depende do Goberno do Estado.
Desde o BNG lémbranlle ao PP que esta medida non sería necesaria “se non fose porque o PP que agora solicita que se abran as barreiras da autoestrada é o mesmo que prorrogou a concesión da AP9 até o 2024”. Sen esa prórroga, a AP9 sería gratuíta desde o pasado verán.
O BNG de Cabanas vai un paso máis aló e esíxelle ao goberno local “o mesmo compromiso para demandar as materias pendentes da Xunta con Cabanas”, e denuncia a “pasividade total” do alcalde e o seu equipo a este respecto. “Poderían comezar por solicitar a reposición da mestra de educación infantil que o PP deixou sen cubrir no CEIP Eladia Mariño; por esixir que rematen as obras que a Xunta ten a medio facer na AC122 desde hai semanas ou pedir que as obras que está a desenvolver o Goberno autonómico no Paseo da Madalena se fagan cuns mínimos de seguridade”, indicaron desde o BNG.
Malia ser moitas as materias pendentes da Xunta con Cabanas, o BNG amosa “pouca confianza” en que o alcalde vaia dar traslado dalgunha destas problemáticas. “Até o de agora, o alcalde adicouse a facer campaña coa delegada da Xunta, visitando un parque infantil amañado grazas ao traballo do goberno anterior ou indo sacar fotos coa dirección dun centro de maiores cuxas traballadoras levan meses denunciando acoso laboral”, conclúen.