A WEB DO CONCELLO DE CABANAS USARÁ O DOMINIO CABANAS.GAL
Celebramos que o PP entre en razón e adopte o dominio “punto gal” un ano despois de propolo o BNG
O pleno aprobou onte a adopción do dominio "punto gal" para a web municipal, logo de que o PP tivese votado en contra da mesma proposta presentada polo BNG hai un ano. Ademais, o PP aprobou, coas abstencións de PSOE e AEC, o proxecto da segunda fase do Penso, malia haber informes técnicos en contra.
O voceiro municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, parabenizou o PP por “entrar en razón e adoptar o dominio cabanas.gal para a web municipal”, logo de que no pleno de setembro de 2015, hai máis dun ano, os populares tiveran votado en contra dunha proposta do BNG no mesmo sentido.
Naquel pleno de setembro de 2015 o PP alegou motivos económicos e de falta de persoal para votar en contra da proposta do BNG para adoptar o dominio “punto gal” na web municipal. Porén, o Concello rexistrou o dominio cabanas.gal o 7 de outubro de 2015, só 7 días despois daquel pleno, aínda que non foi até agora cando o PP someteu o cambio á votación plenaria pertinente.
Desde o BNG lamentan que o PP “empregue quen presenta as mocións como único criterio para os seus posicionamentos, e voten en contra de calquera medida proposta polo BNG aínda que estean de acordo co contido”. Segundo sinala o seu portavoz, Iago Varela, “os argumentos esgrimidos polo PP para votar en contra do dominio cando o propuxo o BNG foron unha mentira máis, pois nin se contratou a ninguén nin se se fixeron modificacións orzamentarias para levalo a cabo”.
Luz verde ao proxecto da 2ª fase do Penso malia haber informe en contra do arquitecto.
Os votos favorábeis do PP e as abstencións do PSOE e AEC déronlle luz verde ao proxecto técnico de execución da sentenza da 2ª fase do Edificio O Penso, malia haber un informe do arquitecto municipal que conclúe que o proxecto non é acorde á sentenza. A pesar de que a sentenza podería estar baseada nun erro, segundo recoñece o mesmo informe, o BNG non pode apoiar un proxecto que podería causar novos problemas á veciñanza. “Queremos unha solución xusta para a veciñanza afectada e que cumpra a sentenza para evitar que o proceso poida volver ser xudicializado se alguén decide recorrer este proxecto por non ser acorde á sentenza”, conclúe o BNG.