CAMIÑO INGLÉS

O BNG insta a Patrimonio a arranxar unha ponte a piques de colapsar no trazado do Camiño Inglés en Cabanas

Iago Varela - Pontello Camiño Inglés
Iago Varela visita a ponte afectada

O BNG dirixiuse á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ante a inacción do Concello de Cabanas para solucionar este tema

O BNG insta a Patrimonio a arranxar unha ponte a piques de colapsar no trazado do Camiño Inglés en Cabanas

O BNG de Cabanas vén de denunciar ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a situación precaria dunha ponte de madeira situada na traza alternativa (provisional) do Camiño Inglés, ao seu paso polas inmediacións do polígono industrial de Vilar do Colo, en Cabanas.

Esta situación foi posta en coñecemento do Concello de Cabanas pola organización nacionalista en outubro de 2015, mais desde o goberno municipal non foi tida en consideración. “Daquela a ponte era salvábel cunha actuación menor, pero logo dun ano o nivel de precariedade da ponte é moito maior e hai perigo de colapso inminente da mesma”, sinala Iago Varela, voceiro municipal do BNG. Varela lembra que malia o seu estado, a ponte é usada pola veciñanza e peregrinas da Ruta Xacobea a diario, “co consecuente perigo de danos persoais”.

Para o BNG esta é “unha mostra máis da total deixadez” do goberno que preside Germán Castrillón, quen evita calquera responsabilidade nas “problemáticas diarias do concello nas que tamén están implicadas outras administracións”. Exemplos desta inacción pódense ver nos desprendementos da praia de Chamoso, nas inundacións ou nas deficiencias na execución da DP-1502 no lugar do Barreiro. “Sempre que preguntamos por estes temas a súa única resposta é que non dependen do Concello, obviando que unha das funcións primordiais dun alcalde debería ser a de actuar de representante das peticións dos veciños ante outras administracións”, rematou Varela.
 

O BNG insta a Patrimonio a arranxar unha ponte a piques de colapsar no trazado do Camiño Inglés en Cabanas