Pleno ordinario Outubro 28/10/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno ordinario Outubro 28/10/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

O pasado mércores 28 de outubro celebrouse o pleno odinario da Corporación, no que se trataron os seguintes asuntos.

1. Adhesión ó "Grupo de Acción Local do sector pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte": O grupo de goberno trouxo este acordo de adhesión ao GALP >> APROBADO: 11 votos a favor (todos).

2. Moción concelleiro do BNG sobre a elaboración Regulamento cesión e uso de locais municipais á veciñanza e entidades sociais (pendente do anterior): O BNG presentara de urxencia no pleno de setembro esta moción para a elaboración dun Regulamento de cesión e uso de locais veciñais. Esta moción vén motivada polas negativas do alcalde a ceder locais municipais a varias veciñas por consideralas próximas ao BNG, nunha actitude que consideramos impropia dun cargo público democrático. Pedimos que se crease un novo Regulamento, establecendo unhas normas de uso dos locais e traspasando a decisión de concesión dos mesmos aos órganos administrativos do Concello, evitando vetos da Alcaldía >> APROBADO: 6 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP).

3. Moción concelleiro do BNG a prol da ampliación da acreditación por violencia machista e da creación do estatuto do feminicidio: Como acto previo á celebración do 25 de novembro, día contra a violencia de xénero, o BNG rexistrou esta moción. No debate o PSOE propuxo esta emenda de engadido, que aceptamos por completar a orixinal, votándose en conxunto >> APROBADA: 10 votos a favor (BNG / PP / PSOE / Somos Cabanas), 1 abstención (AEC).

4. Moción concelleiro de PDDdG sobre servizos públicos municipais. Somos Cabanas presentou esta moción. No debate amosamos a nosa disposición a votar favorabelmente, pois o BNG aposta por uns servizos públicos e a remunicipalización de todas as concesións asumíbeis polo Concello >> APROBADA: 6 votos a favor (BNG / PSOE / AEC / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP).

5. Moción concelleiro de PDDdG sobre medidas de protección do patrimonio local: Somos Cabanas presentou esta moción coa que concordamos. No debate comentamos que a modificación das normas subsidiarias baseadas no traballo realizado para a elaboración do plano sería unha das vías coas que aproveitar algúns dos aspectos positivos do PXOM (un plan que pensamos ten defectos de base e que vén viciado desde a súa concepción) >> REXEITADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC).

6. Iniciativa grupo Socialista para cubrir postos vacantes. A moción do PSOE ía na mesma liña que a do punto 4 e foi debatida a un tempo, pero votada por separado >> REXEITADA: 4 votos a favor (BNG / PSOE), 5 votos en contra (PP), 2 abstencións (AEC / Somos Cabanas).

7. Iniciativa grupo Socialista para mellorar os accesos a Internet no CEIP Eladia Mariño: O PSOE presentou esta moción para garantir un accceso de calidade no colexio. Na quenda de palabra destacamos a fenda dixital que sufre Cabanas e instamos a reflexionar para traballar coas diferentes operadoras e institucións para reducila. Así mesmo, fixemos un engadido á conclusión da moción socialista, de tal maneira que quedou así: "Dotar dun mellor acceso a datos de Internet ao CEIP Eladia Mariño, mellorando ademais a infraestrutura de comunicacións interna para garantir o acceso á rede mediante redes cableadas en todas as aulas e sen fíos en toda a instalación educativa" >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

8. Iniciativa grupo Socialista sobre rexistro de empresas e traballadores autónomos. Esta moción pretende elaborar un rexistro de empresas que poderían traballar co Concello. Comentamos que non nos parecía mal a idea sempre que este rexistro só fose informativo e os contratos se realicen con plenas garantías de igualdade, mérito e capacidade >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

9. Declaración de concello solidario co Alzheimer. O PP levou a pleno esta declaración de concello solidario coa enfermidade do Alzheimer >> APROBADA: 11 votos a favor (todos).

10. Informes de Presidencia: deuse conta das resolucións de alcaldía, do informe sobre a execución trimestral 3ºT/2015 e do informe trimestral sobre morosidade 3ºT/2015

*Moción de urxencia. A CIG tiña presentado no rexistro unha moción sobre a ILP de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, que o Alcalde se negou a introducir na orde do día. Foi por iso que o concelleiro do BNG asumiu como propia a moción para que se puidese debater no pleno >> REXEITADA: 5 votos a favor (BNG / PSOE / Somos Cabanas), 5 votos en contra (PP), 1 abstención (AEC).

11. Rogos e preguntas

O BNG pode facer un máximo de 2 preguntas e 2 rogos de maneira oral.

Pregunta 1: Logo de que en abril de 2015 o Parlamento de Galiza acordase, a iniciativa do BNG, paralizar a proposta de Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do Parque Natural das Fragas do Eume (un plan que fora elaborado unilateralmente pola Xunta de Galiza sen contar cos propietarios, principais afectados do mesmo), preguntamos en que estado de redacción está o novo PRUX e se a Alcaldía tomou algunha medida para participar activamente no proceso. Respondeuse que o tema estaba ralentizado polos cambios na organización das Consellarías elaboradas por Feijoo, que o concello xa ten un representante e que falta que os propietarios de Cabanas nomeen o seu.

Pregunta 2: A lei establece que o 15 de outubro os concelleiros deben ter recibido o borrador dos orzamentos do seguinte exercicio, prazo que se incumpriu. Preguntamos por este retraso e cando tiñan pensado envialos. Respondeuse que "temos un concello con pouco persoal" e que "en breve" teríamos novas sobre o tema.

Rogo 1: En cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización Lingüística, instamos ao Goberno Municipal a empregar o galego nas comunicacións oficiais do Concello e a facer uso do topónimo oficial da localidade.

Rogo 2: De cara a mellorar a comunicación cos concelleiros da oposición, solicitamos maior axilidade á hora de remitir a documentación relativa ás diferentes xuntanzas do concello, así como tamén recibir os bandos municipais.

Ademais, pendentes do pleno anterior, quedaran estas preguntas escritas, que tiveron estas respostas:

P1 (Santa Marta): A actuación dos grupos musicais supúxolle ao Concello 2601 €. Non se especificaron os demais gastos (son, luces, escenario, carpa, ...).

P2 (Ponte Camiño Santiago): O Concello ten constancia desta situación pero di que non é competencia propia.

P3 (Falta de colectores para reciclaxe): Esta pregunta foi contestada na comisión de asuntos de pleno previa ao pleno de setembro: estase á ver se o Concello pode recibir novos colectores da Consellaría de Medio Ambiente.

P4 (Imposto vehículos): Respondeuse que "está así establecido na normativa".

P5 (PRUX Fragas do Eume): Finalmente esta pregunta foi realizada oralmente, como se explicou antes.

P6 (A Caneta): É unha prioridade para o Concello. A obra está pendente de recibir financiamento.

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

Despois dos esperpéntico pleno de setembro, desde o BNG saímos contentos deste pleno de outubro, pois dúas importantes iniciativas (sobre locais municipais e violencia de xénero) que presentamos foron aprobadas. Aínda así, estaremos vixiantes para que a moción sobre uso de locais municipais sexa cumplida polo Goberno e antes de fin de ano teñamos un Regulamento de locais no que a Alcaldía non teña poder de veto, contribuíndo así á participación veciñal e á democratización do Concello de Cabanas.

Mais como non todo son alegrías, a iniciativa sobre pobreza enerxética que presentamos en nome da CIG non foi aprobada. Desde o BNG queremos aproveitar para denunciar o inmobilismo do PP, que se nega a aprobar calquera moción que non lles resulte totalmente inocua, incluso aquelas que suporían claros beneficios á veciñanza.

Tamén queremos criticar a actitude de AEC, que ao se negar a votar calquera moción que non estea en relación directa co Concello de Cabanas, ademais de facer o ridículo (absténdose, por exemplo, nunha moción sobre violencia de xénero), ignora que as decisións doutras institucións tamén afectan á nosa veciñanza, que non vive illada e á cal pode axudar a presión do Concello ante elas mediante a aprobación de mocións.

Pleno ordinario Outubro 28/10/2015: resumo da sesión e propostas do BNG