Pleno extraordinario 09/07/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

Pleno extraordinario 09/07/2015: resumo da sesión e propostas do BNG

 

cabanas praiaO pasado xoves 9 de xullo houbo sesión extraordinaria do Pleno da Corporación, o primeiro con contido real tras o de constitución, que tivo unha segunda sesión con carácter informativo dous días despois daquela data pola indisposición do Alcalde a acudir á toma de posesión. Na xornada deste xoves tratáronse os seguintes puntos:

 

 

1. Aprobación se procede das actas das sesións anteriores: Aprobáronse por asentemento as actas dos plenos extraordinarios do 13 de xuño e 15 de xuño.

 

 

2. Réxime de sesións ordinarias do Pleno: Aprobouse co voto favorábel de todas as forzas políticas a celebración de plenos ordinarios con carácter mensual, agás agosto e decembro. Terán lugar ás 19.30h do último mércores de cada mes, a menos que sexa feirado; nese caso celebrarase o día hábil anterior a ese mércores.

 

 

3. Existencia da Xunta de Goberno Local: O PP propuxo a creación da Xunta de Goberno Local, presidida polo Alcalde e composta por concelleiros nomeados directamente por el.

 

 

Pola contra, desde o BNG, así como o resto dos integrantes do Grupo Mixto, entendemos que este órgano non era necesario, pois a proposta da Alcaldía unicamente tiña un papel administrativo que atrasaría o tratamento de asuntos, ademais de que evitaría que outros temas chegasen a debaterse no Pleno.

 

 

O PP aceptou a proposta presentada polo Grupo Mixto, polo que houbo unha votación na que toda a Corporación decidiu que non exista Xunta de Goberno Local.

 

 

4. Creación e composición de órganos complementarios A proposta inicial da Alcaldía incluía unha Comisión de Facenda (formada por 3 membros do Grupo Popular, 2 do Grupo Mixto e 2 do Grupo Socialista, cunha frecuencia de reunión mensual), Xunta de Voceiros (formada polo Alcalde e os voceiros dos 3 grupos políticos, a reunirse antes de cada pleno ordinario), Xunta de Delegados (formada polo Alcalde e os concelleiros con delegación da Alcaldía e de periodicidade semanal),

 

 

Previamente ao pleno, desde o BNG, conxuntamente co resto de integrantes do Grupo Mixto, propuxemos a creación de unicamente dúas comisións (tendo en conta tamén a eliminación da Xunta de Goberno Local do punto 3): Comisión de Contas, Facenda e Persoal e Comisión Informativa Permanente de Asuntos de Pleno, de Suxestións e Reclamacións. Ambas as dúas estarían compostas por 7 membros (3 do Grupo Popular, 2 do Grupo Mixto e 2 do Grupo Socialista), a reunirse unha semana antes dos plenos ou a petición do Alcalde ou 4 membros.

 

 

Tras unha negociación de todos os grupos políticos mantida durante o pleno chegouse a un acordo unánime para crear un total de 3 comisións: as 2 propostas polo Grupo Mixto e unha terceira de obras. Porén, o PP negouse a retirar as súas propostas de Xunta de Goberno, aínda que de carácter extraordinario, e Xunta de Delegados (comisión opaca que o PP usa como argucia legal para pagar un 'soldo' aos seus concelleiros).

 

 

Ao non haber un acordo global, o BNG exixiu que se votase cada comisión por separado, cos seguintes resultados:

 

 

- Comisión de Contas, Facenda e Persoal: aprobada polos 11 concelleiros da Corporación.

 

 

- Comisión de Asuntos de Pleno: aprobada polos 11 concelleiros da Corporación

 

 

- Comisión de Obras: aprobada polos 11 concelleiros da Corporación

 

 

- Xunta de Delegados: aprobada por 8 votos a favor (5 PP + 3 PSOE). Tivo 3 votos en contra (1 BNG, 1 AEC, 1 Somos Cabanas).

 

 

- Xunta de Voceiros: aprobada por 8 votos a favor (5 PP + 3 PSOE). Tivo 3 votos en contra (1 BNG, 1 AEC, 1 Somos Cabanas).

 

 

5. Retribucións, asistencias, e indemnizacións a membros da Corporación e grupos políticos:

 

 

A. Retribucións a membros da Corporación: a proposta da Alcaldía foi de dotar ao alcalde dun salario de 32.900 € brutos anuais por 35 horas semanais (14 pagas de 2314 €). O BNG presentou unha proposta alternativa, consistente nunha asignación de 20.000 € brutos anuais por 35 horas (14 pagas de 1428 €), que o Alcalde decidiu non aceptar. Votáronse 2 propostas:

 

- Proposta PP (32900 €/ano): 5 votos a favor (PP), 6 en contra (3 PSOE, 1 BNG, 1 AEC, 1 Somos Cabanas)

- Proposta BNG (20.000 €/ANO): 3 votos a favor (1 BNG, 1 AEC, 1 Somos Cabanas), 8 en contra (5 PP, 3 PSOE)

Nesta situación, o Alcalde segue (de momento) sen retribución.

 

B. Asistencias: a proposta da Alcaldía foi de ofrecer 100 €/sesión por pleno ou comisión e 150 €/sesión por Xunta de Delegados. Os integrantes do Grupo Mixto fixemos en conxunto unha proposta alternativa, na liña do exposto no punto 4 na que solicitamos a eliminación da Xunta de Delegados: 100 €/sesión por pleno ou comisión e 0 €/sesión por Xunta de Delegados.

 

 

- A proposta do PP foi aprobada con 8 votos favorables (5 PP, 3 PSOE). Obtivo 3 votos en contra (1 BNG, 1 AEC, 1 Somos Cabanas)

 

 

C. Indemnizacións: A Alcaldía propuxo manter as contías das axudas de custo da anterior lexislatura: 150 € / 200 € (axuda de custo completa en Galiza / fóra de Galiza), 90 € / 110 € (axuda de custo manutención en Galiza / fóra de Galiza), 60 / 65 € (axuda de custo reducida en Galiza / fóra de Galiza), desprazamentos segundo RD 462/2002 de 24 de maio. Aprobáronse co voto favorable de todos os concelleiros da Corporación.

 

 

D. Asignación a grupos políticos: a Alcaldía fixo unha proposta inicial de 50 €/ano por grupo político e 400 €/ano por concelleiro. No BNG apostamos por manter as cuantías da lexislatura anterior (200 €/ano por grupo político e 200 €/ano por concelleiro, opción compartida polo resto do Grupo Mixto, e que supoñen 1750 € de aforro anuais fronte á alternativa do PP.

 

 

- Aprobouse con todos os votos favorábeis a opción do Grupo Mixto: 200 €/ano grupo político e 200 €/ concelleiro.

 

 

6. Nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados A proposta de nomeamento de representantes da Corporación nos órganos colexiados presentada pola Alcaldía foi a seguinte:

 

 

- Consello Escolar do CEIP Eladia Mariño: Esperanza Gayoso (PP)

 

 

- Grupo Acción Costeira 'Golfo Ártabro': Esperanza Gayoso (PP)

 

 

- Grupo Euroeume: Manuel González (PP)

 

 

- Parque das Fragas do Eume: Germán Castrillón (PP)

 

 

- Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol: Germán Castrillón (PP)

 

 

Neste punto, no BNG entendemos que sendo os órganos colexiados unha representación do Pleno e que nun primeiro momento había 5 órganos colexiados que nomear (o mesmo que número que forzas políticas diferentes hai no Concello), tiña máis elaborar unha proposta de nomeamentos consensuada e que incluíse a todas as formacións. A postura foi compartida co grupo mixto

 

 

- Votos a favor da proposta do PP: 8 (5 PP + 3 PSOE)

 

 

- Votos a favor da proposta do BNG: 3 (1 BNG + 1 AEC + 1 Somos Cabanas)

 

 

7. Coñecemento resolucións de Alcaldía

 

 

A. Nomeamento de Tenentes de Alcalde: Deuse conta dos nomeamentos de tenencias de alcaldía: 1ª Manuel González, 2ª Ana Rosa Méndez, 3ª Esperanza Gayoso.

 

 

B. Delegacións de Alcaldía: A modo de resumo incompleto: o primeiro tenente de Alcalde asumirá Obras e Medio Ambiente, a segunda Benestar e Igualdade, a terceira Cultura e Deportes, Julián Ramón Seijas Medio Rural e Parques Infantís.

 

 

C. Constitución de grupos políticos: informouse da creación de 3 grupos políticos: Grupo Popular, Grupo Mixto (formado por BNG, AEC e Somos Cabanas) e Grupo Socialista.

 

 

CONCLUSIÓNS DO BNG SOBRE O PLENO

 

 

O BNG presentouse a este pleno con tres obxectivos fundamentais:

 

 

O primeiro era aumentar as posibilidades de participación nos mecanismos organizativos do Concello. Consideramos que o acordo plenario de convidar a todos os representantes do grupo mixto ás xuntas de voceiros, a creación dunha nova comisión de asuntos do pleno ou o feito de que as comisións teñan 7 membros son bos pasos neste sentido, mais non conseguimos que a representación do pleno nos diversos órganos colexiados dos que forma parte fose realmente representativa.

 

 

O segundo obxectivo era acabar cos mecanismos legais polos cales os concelleiros do grupo de goberno  (PP) conseguían unha remuneración que non está sometida ao control do pleno nin responde ao traballo efectuado realmente. Así, solicitamos a eliminación da xunta de goberno (proposta que foi aprobada pola corporación) e tamén da xunta de delegados, proposta que foi rexeitada, conxuntamente coa nosa conseguinte proposta de que de existir carecese de dotación económica. Así, cada concelleiro delegado do PP vai poder seguir cobrando 600€/mes por reunións privadas sen presenza do secretario da corporación das cales o concello pode non obter ningún beneficio.

 

 

Finalmente, o noso terceiro obxectivo era racionalizar os gastos de funcionamento do concello, para o cal propuxemos unha baixada de soldo do alcalde até os 20.000€ (un soldo que consideramos máis que digno para unha dedicación parcial), unha reducción dos órganos de goberno non participativos e o mantemento e reducción dos gastos por asistencias e asignacións a grupos políticos, de forma que o concello poida aforrar cartos no seu propio goberno nun contexto no que arrastra unha débeda abafante.

 

 

O alcalde saiu do pleno sen soldo, mais non sabemos por canto tempo continuará esta situación, polo que non o podemos considerar como medida real de apoio. No tocante ao aforro xeral, se ben conseguimos que parte das nosas solicitudes (como a eliminación da Xunta de goberno local e a redución das asignacións aos grupos políticos) fosen atendidas, cremos que aínda se podería ter chegado máis alá e conseguir un maior aforro para o noso concello.

 

 

Por último, desde o BNG de Cabanas queremos agradecer a toda a veciñanza que se achegou até o concello o pasado xoves, e lembrar que os plenos son públicos, e que, de acordo ao aprobado este xoves, o vindeiro pleno será o mércores 29 de xullo ás 19.30 horas.

 

Pleno extraordinario 09/07/2015: resumo da sesión e propostas do BNG