Xosé Regueira e María Muíño poñen en valor o traballo do BNG no goberno de Cabanas
O Vicepresidente da Deputación e a Deputada de Igualdade acompañaron ao candidato do BNG á alcaldía de Cabanas, Iago Varela, nunha visita ao concello
O candidato do BNG á alcaldía de Cabanas, Iago Varela encabezou unha visita na que participaron o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, e a deputada de Igualdade, María Muíño, para contrastar de primeira man a evolución de proxectos e iniciativas que se levan realizado nos últimos anos neste concello.
Afianzar poboación no rural, promover iniciativas que beneficien a creación de novos empregos para a veciñanza, e que Cabanas sexa coñecido como un lugar con personalidade propia, foron algúns dos temas que xurdiron no primeiro dos encontros, que estivo protagonizado por unha representación da Asociación de Mulleres Cabanas Rural.
O vicepresidente e a deputada aproveitaron para poñer en valor tanto o investimento da Deputación a través do Plan Único, co que se conseguiu mellorar parte das infraestruturas municipais, máis tamén outros proxectos como o PSDT de Fragas do Eume, que dotará ao Concello de Cabanas de fondos europeos (os coñecidos como Next Generation). Neste sentido, o vicepresidente indicou que “se estes fondos son utilizados con intelixencia podemos conseguir que todo ese investimento teña un retorno na poboación de aquí, creando novos nichos de actividade económica, recuperando e poñendo en valor recursos naturais e ambientais, e situando a Cabanas no mapa do turismo consciente e responsable”.
Tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de contar con espazos expositivos, físicos e virtuais, tanto do traballo de recuperación dos oficios de fiado e tecido que realizan desde a Asociación de Mulleres Cabanas Rural, como do patrimonio que as mulleres do Cabanas atesouran, poñendo por caso a compilación de receitas de cociña singulares da man das propias veciñas. Tamén se trataron outras suxestións como a recuperación de lavadoiros e a súa contorna, ou a conservación dos muíños de parceiros de cara a estudar a posibilidade de crear un roteiro que os poña en valor a nivel patrimonial e turístico.
Neste encontro, as representantes da Asociación, que se definiron con orgullo como “mulleres que agora nos sentimos moi empoderadas” agradeceron a Iago Varela o traballo realizado no actual mandato como tenente de alcalde e, sobre todo, a súa capacidade de escoita e atención cara as súas necesidades e suxestións. Así mesmo, a deputada de Igualdade, María Muíño explicoulles que, de cara a petición de dotar á Asociación de equipamento informático, no presente exercicio o departamento provincial estrea unha liña de axudas de investimento dirixida a entidades formadas por mulleres.
Ademais do encontro coa Asociación de Mulleres Cabanas Rural, tamén visitaron o proxecto turístico “Natureza de Laraxe”, un proxecto que o candidato á alcaldía, Iago Varela, asegurou “que ten moi altas posibilidades de ter éxito porque está situado nunha zona que aínda ten moita marxe de crecemento turístico, sobre todo para proxectos que aposten pola calidade e fuxan da precarización”. Neste sentido, “Natureza de Laraxe”, que oferta un albergue, aproveitando o paso do Camiño Inglés, e catro “cabaniñas” independentes –unha dela adaptada para persoas con mobilidade reducida-, responde ao tipo de proxectos que apostan pola non masificación e polo respecto ao medio natural.