O BNG presenta unha candidatura para seguir construíndo a Cabanas do futuro
Iago Varela: “Queremos liderar o goberno de Cabanas levando o modelo BNG ao resto de áreas”
O BNG de Cabanas fixo pública esta mañá a candidatura completa coa que se presenta ás eleccións municipais do 28 de maio, e que encabeza Iago Varela, co reto de liderar o próximo goberno de Cabanas. Son un total de 21 persoas, 11 titulares e 10 suplentes, que cren que Cabanas merece máis, afondando “no modelo BNG” impulsado polas áreas de goberno xestionadas pola formación nacionalista nestes catro anos de mandato en coalición.
Acompañando a Iago Varela nos primeiros postos da candidatura do BNG de Cabanas están Paula González (2), quen durante estes catro creou e impulsou as áreas de igualdade, LGTBI e normalización lingüística no goberno local, con proxectos destacados como Memoria dun Século, Cabanas Diversa ou o Día do Orgullo Neofalante; Uxío Romero (3), enxeñeiro industrial con múltiples vínculos co deporte da comarca, actualmente encargado de loxística nunha entidade deportiva; e Laura Ponce (4), mestra de educación infantil e durante moitos anos, padexeira no KDM.
A candidatura continúa co consultor enerxético da Fundación Enerxética da Deputación da Coruña e experto en comunidades enerxéticas, Xosé Manuel Golpe (5); a catedrática, guionista e autora cabanesa Anxos García Fonte (6); ou o ebanista e artesán local Davide Otero “Piquelo” (7), impulsor de iniciativas como o “Laboradoiro”.
Completando a lista dos 11 titulares están Micaela Rei (8) filóloga e activista nos eidos do feminismo e a normalización; Marcos Filgueiras (9) un dos impulsores do festival cultural “Troula da Verba”; a activista da Plataforma en Defensa do Transporte Público, Montse Fraga (10); e Luis P. Castelo (11), profesor e investigador na Universidade da Coruña.
Nas suplencias da candidatura, o BNG de Cabanas integra persoas vinculadas a sectores diversos como o a administración, a industria, a gandeiría e o agro, a sanidade, os coidados, ás entidades locais e a memoria histórica, completando “un equipo diverso, comprometido, e coas ideas claras das necesidades de Cabanas para os próximos anos”.
“Presentamos un equipo preparado para liderar o próximo goberno de Cabanas, coa formación, os coñecementos e a experiencia laboral e persoal para levar o modelo BNG ao resto de áreas de goberno”, destacou o candidato á alcaldía, Iago Varela, quen tamén puxo en valor que “cada vez hai máis xente en Cabanas que ve no BNG a ferramenta necesaria para afrontar os retos que ten o noso concello para os próximos anos”, aludindo a que a metade da candidatura está conformada por persoas independentes.
Sobre Iago Varela
Nado en Cabanas hai 36 anos, Iago Varela está especializado en comunicación sobre novas tecnoloxías. Actualmente exerce como tenente alcalde do Concello de Cabanas, con responsabilidade nas áreas de promoción económica e turismo, urbanismo, medio ambiente, participación veciñal, comunicación e innovación tecnolóxica.
Candidatura do BNG Cabanas
01.- Iago Varela Martínez
02.- Paula González Grueiro
03.- Uxío Romero Rodeiro
04.- Laura Ponce Leira
05.- Xosé Manuel Golpe Acuña
06.- María dos Anxos García Fonte
07.- Davide Otero Laurenz (“Piquelo”)
08.- Micaela Rei Castro
09.- Marcos Filgueiras Allegue
10.- Montserrat Fraga Pérez
11.-Luis Miguel Puente Castelo
S1.- María Cruz Carbón Ardao
S2.- José Ángel García Noval
S3.- Mari Luz Permuy Calvo
S4.- Guillerme Otero Pérez
S5.- María del Pilar Moral Gómez
S5.- Manuel Varela Bermúdez
S7.- María Gloria Martínez Quintián
S8.- Gabriel Bouza Arnoso
S9.- María Eudosia Loureiro Martínez (Dosita)
S10.- Xosé Carbón Anca