A VISITA PERMITIULLES COÑECER A VIDA NOS CAMPAMENTOS, ASÍ COMO DIVERSOS PROXECTOS IMPULSADOS POLA COOPERACIÓN GALEGA.

Visita do voceiro municipal do BNG de Cabanas aos campamentos saharauís

Iago Varela nos campamentos saharauís
Iago Varela nos campamentos saharauís
Iago Varela participou da misión organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade canda representantes doutros 15 concellos.
Visita do voceiro municipal do BNG de Cabanas aos campamentos saharauís

O voceiro municipal do BNG de Cabanas participa da Misión aos campamentos saharauís en Tindouf (Alxeria) para representantes das institucións locais de Galiza organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entre os días 5 e 9 de decembro.

Como parte desta misión (da que forman parte representantes de 15 concellos diferentes, así como membros do Parlamento Galego, da Xunta, e ONGD, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz), a delegación pode non só coñecer a realidade da vida nos campamentos e os diferentes proxectos impulsados pola Cooperación Galega, senón tamén reunirse con autoridades saharauís.

Así, o mércores a delegación puido recibir unha benvida oficial da gobernadora de Bojador, Dih Chadad, así como visitar unha planta de reciclaxe de residuos. O xoves tiveron a oportunidade de visitar as instalacións da Media Lúa Vermella Saharauí e reunirse coa Asociación de Familiares de Persoas Presas e Desaparecidas Saharauís (AFEPREDESA). E o venres puideron coñecer a situación dos centros educativos e mantiveron un encontro co Primeiro Ministro, Bucharaya Beyun.

Como parte da misión, todas as persoas que forman parte da delegación son aloxadas e conviven con familias do campo de refuxiados de Boujador. "Estamos moi agradecidos coa súa hospitalidade, abríronnos as súas casas" explicou Iago Varela.

"Esta visita permítenos coñecer a realidade dos campos de refuxiados, mais tamén amosar o noso apoio ao pobo e á causa saharauí na súa loita pola independencia. O pobo saharauí é forte e xeneroso, e de aquí saímos convencidos da xustiza da súa arela, e, como nos pediu a gobernadora Dih Chadad, dispostos a concienciar sobre a causa xusta dos saharauís nos nosos territorios", rematou Varela.

Composición da misión

Tal e como amosa o Fondo Galego de Cooperación na súa web, os concellos presentes nesta misión son: Allariz, Boiro, Brión, Cabanas, Laxe, Lugo, Moaña, Monforte, Muros, Nigrán, Oleiros, Padrón, O Rosal, Sada e Viveiro, aos que se unen membros do Parlamento de Galicia, Xunta, ONGD, sindicatos, persoal médico e familias acolledoras do programa Vacacións en Paz. 

Visita do voceiro municipal do BNG de Cabanas aos campamentos saharauís