O goberno de Cabanas renuncia a celebrar o Mercado de Nadal
Logo de tres edicións, o Mercado de Nadal de Cabanas convertérase nun referente na comarca do Eume.
O BNG cre que o PP carece de proxectos, ideas e ganas para traballar por Cabanas
Este ano non haberá Mercado de Nadal en Cabanas. O goberno municipal (PP) decidiu non celebrar un evento que fora promovido pola área de promoción económica e turismo do anterior goberno (BNG) e que despois de tres edicións convertérase nun referente na comarca do Eume e nunha grande oportunidade para mercar os agasallos de Nadal, apostando polo comercio de proximidade.
Desde o BNG apuntan que desde a chegada do PP á alcaldía, grazas á posición de Somos Cabanas, Cabanas retrocedeu en todas as áreas. “Bastaron seis meses para ver que o PP carece de proxectos, ideas e ganas de traballar por Cabanas”, e lamentan que “a única política fose a de baleirar áreas como as de igualdade, promoción económica e turismo ou medio ambiente, referentes do anterior goberno e hoxe en día sen actividade”.
“Vemos como o PP está a suprimir todo o que supoña o máis mínimo esforzo para os seus concelleiros”, apuntou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela. “Só aparecen para sacar fotos coa delegada da Xunta e outros cargos do PP que desfilan polo concello desde xuño celebrando os logros do anterior goberno”, concluíu.
Visita do Apalpador
Desde o BNG quixeron agradecer o esforzo da Asociación de Mulleres Cabanas Rural por manter a visita do Apalpador -que nestes últimos anos víñase facendo no Mercado de Nadal- a pesar de que o Concello de Cabanas non celebre o Mercado, e animan á veciñanza a asistir á cita convocada pola asociación para o domingo ás 17 horas.