O PP rexeita as emendas do BNG aos Orzamentos da Xunta para Cabanas
O BNG de Cabanas lamenta que o PP rexeitase “todas e cada unha” das emendas presentadas desde a localidade ao proxecto de Orzamentos das Xunta de Galiza, aprobados no Parlamento Galego o pasado martes co único voto favorábel do Partido Popular.
En total, o BNG tiña presentado 11 emendas ligadas ao termo municipal de Cabanas, 10 de ámbito exclusivamente local por un total de 2,19 millóns de euros, e unha décimo primeira en conxunto co resto de concellos bañados polo río Eume, por valor de 50 millóns de euros, en concepto da primeira anualidade do “Plan Eume”, presentado pola organización frontista semanas atrás.
Investimentos en varias áreas
Desde Cabanas, o BNG solicitaba investimentos en infraestruturas para a mellora da seguridade nos viais autonómicos AC-122 no treito de Cardeita, coa construción dunha nova beirarrúa, e AC-563, coa reposición do peche perimetral retirado durante os traballos de estabilización do noiro.
Así mesmo, o BNG tamén reclamaba investimentos no CEIP Plurilingüe Eladia Mariño en materia de eficiencia enerxética (cambio de ventanais e caldeira), no Centro de Saúde, coa mellora da accesibilidade e habitabilidade, demandas da comunidade educativa e da veciñanza de Cabanas en xeral.
En materia medioambiental, a limpeza do río Ventín en todo o seu trazado para evitar inundacións, o acondicionamento do río Baa e a retirada dos áridos bituminosos de Vilar do Colo e a posta en marcha da primeira fase do Plan Eume foron as propostas de emenda presentadas desde o BNG de Cabanas.
Por último, o BNG tamén reclamou investimentos para acelerar o despregamento de fibra óptica e o desenvolvemento da rede de abastecemento na parroquia de Laraxe.
Un rexeitamento inxustificado
Desde o BNG de Cabanas considérase “totalmente inxustificado” o rexeitamento por parte das deputadas e deputados do PP ás propostas de emenda aos Orzamentos.
“A falta de compromiso da Xunta con Cabanas súfrea a veciñanza á que se lle negan uns investimentos que teñen máis que xustificada a súa urxencia e necesidade”, sinalou o portavoz municipal do BNG e tenente alcalde, Iago Varela.