Pola mellora da atención sanitaria na comarca: desconfinar a sanidade pública, reactivar a atención presencial
Na pandemia do COVID-19, a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial, o peche de consultorios, algúns centros de saúde e PACs, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais. A decisión que tomou o SERGAS foi apostar preferentemente pola consulta telefónica.
As consecuencias son desastrosas: escasísimos profesionais que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listaxes de espera de semanas (mesmo para consultas telefónicas) doentes crónicos indefensos (persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras), ou colas á intemperie para acceder aos centros.
No caso da nosa comarca, a situación agrávase polas carencias infraestruturais que presenta a área sanitaria –a comezar, polo complexo “Arquitecto Marcide”- e tamén os recortes en materia de persoal e a supresión de determinados servizos, nomeadamente o de pediatría.
Esta situación provoca que cada vez máis persoas estean acudindo á sanidade privada, con todo o que implica na desprotección da poboación con menos recursos, e que pode levarnos a un problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías, e de atención tardía. Con esta situación de fondo, o BNG vai desenvolver mañá mércores dia 28, en xornada de mañán (maioritariamente, ás 12 horas) unha acción informativa e reivindicativa nos centros de saúde dos concellos da nosa comarca, facendo fincapé nas seguintes reivindicacións:
1. Realizar de inmediato todas as accións precisas para activar unha Atención Primaria presencial e rematar coas listaxes de espera neste nivel asistencial, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación.
2. Incrementar nos centros de saúde @s profesionais que sexa preciso para aumentar o tempo e a calidade da atención, así como para formar equipos de atención integral.
3. Aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%. No inmediato, 200 millóns de euros.
4. Publicar de inmediato a situación das listaxes de espera hospitalarias e pór en marcha un plan de choque para reducilas.
5. Axilizar as obras do Plan Director do CHUF, adiantando os investimentos e prazos previstos
6. Dotar urxentemente todas as prazas e normalizar os servizos de pediatría nos concellos da nosa área sanitaria.
7. Repoñer a praza de xinecoloxía e dotar do servizo de raios X en As Pontes.
8. Dotar de servizo de atención psicolóxica no centro de saúde de Narón.