O BNG pide actuar xa para salvar o Eume

salvemos o eume
Acción reivindicativa na ponte entre Cabanas e Pontedeume
O BNG levou a cabo unha acción reivindicativa sobre a ponte entre Cabanas e Pontedeume
O BNG pide actuar xa para salvar o Eume

O BNG levou a cabo esta mañá unha acción reivindicativa na ponte de pedra que une as localidades de Cabanas e Pontedeume, consistente no despregamento dunha faixa de grandes dimensións co lema “Xunta e Endesa culpábeis. Salvemos o Eume!”.

A acción, impulsada polo BNG dos concellos da comarca do Eume (Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes), contou coa participación de militantes, simpatizantes e as portavoces municipais nesas localidades.

O BNG, que xa alertou a finais de setembro da preocupante situación do Río Eume e a súa relación coas actuacións que está a desenvolver Endesa no encoro nunha batería de preguntas rexistradas no Parlamento de Galiza, exixe tanto á Xunta como a Endesa “actuar xa” para salvar o Eume e evitar un desastre medioambiental maior do actual.

A organización nacionalista tamén reclamou á Xunta “non minimice a situación e os danos no Eume focando toda a atención nos problemas coa auga da traída de Pontedeume”, unha situación que aínda sendo preocupante o BNG considera “só unha parte dun problema máis grande, o desastre ambiental causado por Endesa”. “A eventual reanudación do abastecemento non suporá acabar co resto das consecuencias desta situación”, engadiron.

“Endesa puido facer e desfacer o que quixo no Eume durante anos cunha Xunta cómplice, que nin fixo nin está a facer o seu labor de control dentro das súas competencias” sinalou o portavoz municipal do BNG e tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela, quen tamén ironizou sobre a creatividade lingüística da Xunta para “buscar xiros e sinónimos para evitar dicir o nome da empresa culpábel: Endesa”.

Varela tamén indicou que “o dano causado por Endesa no Eume non pode quedar impune, porque ademais das consecuencias ambientais ao Parque Natural das Fragas do Eume, hai que engadir os danos a sectores económicos, produtivos e turísticos”, e avanzou que o BNG exixirá da Xunta unha avaliación dos danos e a posta en marcha das axudas que sexan necesarias, así como a implicación da Consellaría do Mar para vixiar a evolución do banco marisqueiro da marisma do Eume ante o pouso dos lodos verquidos ao río nas últimas semanas.

As preguntas presentadas polo BNG no Parlamento de Galiza debateranse en comisión a próxima semana. Neste sentido, a organización nacionalista avanzou que traballará “para chegar ao fondo da cuestión” e xa traballa na posibilidade de escalar as demandas á Comisión Europea se non se producen avances.
 

O BNG pide actuar xa para salvar o Eume