Nós, coas nosas propias mans
Nas Eleccións Municipais de maio comentamos como o BNG foi quen de aforrar medio millón de euros ás arcas públicas renunciando ao envío de propaganda electoral por correo postal.
Isto supón, ademais do obvio aforro económico, un incalculábel aforro ecolóxico. E nesta ocasión, co gallo das Eleccións Xerais nas que o BNG se presenta formando parte de Nós Candidatura Galega, volvémolo facer.
Nós non depende de créditos bancarios. Nós construíuse grazas ao esforzo económico e humano de milleiros de persoas por todo o país que queremos que Galiza siga a ter presenza nas Cortes estatais con deputadas e deputados que van pór voz aos problemas galegos, sen ataduras nin cancelas.
Durante os 15 días de campaña estivemos percorrendo Cabanas, porta a porta, casa a casa. Explicando a moitas de vós quen somos Nós e por que é máis necesario ca nunca apoiar a única candidatura 100% galega.
Podemos estarmos orgullosas de ter feito unha campaña máis co noso esforzo e coas nosas propias mans. Porque cada papeleta que vos entregamos en man ou deixamos no voso buzón foi coidadosamente dobrada, ensobrada e repartida co esforzo e o cariño dun militante, simpatizante ou activista.
Porque a partir do domingo, se Nós Candidatura Galega está, Galiza estará.