Iago Varela e Secundino García destacan Nós como única opción para defender Galiza no Estado
O sábado tivo lugar o acto central de campaña de Nós Candidatura Galega en Cabanas, que contou coas intervencións de Paula González, nº 2 na candidatura do BNG nas pasadas eleccións municipais, Iago Varela, voceiro municipal do BNG en Cabanas, e Secundino García, alcalde de San Sadurniño e candidato de Nós ao Senado.
Paula González foi a encargada de abrir o acto, presentando Nós, unha candidatura formada como coalición de partidos (BNG, CG, PCPG, FOG e PG) e persoas a título individual que participaron nunhas primarias abertas das que saíron as candidatas, tanto para o Congreso como para o Senado.
Pola súa banda, o concelleiro Iago Varela explicou o valor de Nós Candidatura Galega como herdeira do traballo realizado polas deputadas e deputados do BNG no Congreso desde o ano 1996. Varela tamén puxo en valor a presenza do BNG nos diferentes Parlamentos, o que serviu para que problemas que afectan aos concellos cheguen a ser debatidos en todas as institucións, como aconteceu co PRUX das Fragas do Eume no Parlamento Galego ou cos refugallos tóxicos de Vilar do Colo na Comisión Europea.
"As deputadas e deputados nacionalistas galegos son os únicos representantes dignos que ten este país", sinalou Iago Varela, quen lembrou que nin PP, nin PSOE, nin Esquerda Unida fixeron algo pola defensa do naval, do leite, das preferentes ou das vítimas do Alvia.
Pola súa banda, o acalde de San Sadurniño e candidato de Nós ao Senado, Secundino García, iniciou a súa intervención lembrando a consigna "nin na terra, nin no mar, nos deixan traballar", unha boa mostra da situación do país.
García explicou como as deputadas galegas das forzas estatais deixaron a Galiza abandonada perante a reconversión industrial: "a arquitectura do estado, que apoiou o PCE aínda que agora o oculte, iñorou Galiza. Até o 96 non houbo quen nos defendera".
Secundino destacou que Nós Candidatura Galega porá os dereitos das galegas e galegos por riba de todo, e os seus deputados tamén serán chave para que Rajoy non goberne no estado outros catro anos.
O 20 de decembro, se Nós Candidatura Galega está, Galiza estará.