Iago Varela será o candidato á alcaldía de Cabanas polo BNG
O actual tenente alcalde de Cabanas foi elixido por aclamación da asemblea local da formación frentista
A presentación da candidatura do BNG de Cabanas ás municipais terá lugar o 2 de marzo ás 20h no restaurante “A Solana”
A asemblea local do BNG de Cabanas escolleu por aclamación a Iago Varela para encabezar a candidatura coa que a formación concorrerá ás eleccións municipais do próximo 28 de maio. Varela, que actualmente exerce de tenente alcalde no goberno municipal de Cabanas, estará acompañado nos primeiros postos pola actual concelleira Paula González, e Uxío Romero, nova incorporación á lista.
A asemblea local do BNG fixo un balance “moi positivo” do papel do BNG no goberno municipal de Cabanas durante estes catro anos, conseguindo implementar a práctica totalidade nas medidas incluídas no anterior programa electoral nas áreas nas que a formación nacionalista tivo responsabilidades de goberno.
"O BNG foi o motor do goberno de Cabanas nestes catro anos, e presentámonos ás municipais de maio cun equipo solvente, capaz, e con experiencia, preparado para liderar o goberno e aplicar o modelo do BNG en novas áreas”, sinalou o responsábel local, Luis P. Castelo.
A presentación da candidatura do BNG de Cabanas terá lugar o vindeiro xoves 2 de marzo, ás 20h nun acto no restaurante A Solana no que tamén participará Olalla Rodil, deputada no Parlamento de Galiza polo BNG.
Sobre Iago Varela
Nado en Cabanas hai 36 anos, Iago Varela está especializado en comunicación sobre novas tecnoloxías. Actualmente exerce como tenente alcalde do Concello de Cabanas, con responsabilidade nas áreas de promoción económica e turismo, urbanismo, medio ambiente, participación veciñal, comunicación e innovación tecnolóxica.