O BNG de Cabanas programa a proxección do documental “Xan de Xenaro”
O BNG de Cabanas vén de programar a proxección do documental “Xan de Xenaro”, cun coloquio posterior no que participarán os historiadores Bernardo Máiz e Eliseo Fernández, xunto coa autora cabanesa Anxos García Fonte. Será o xoves, 27 de abril, ás 20h no Local do Colectivo Terra, en Pontedeume.
O documental, guionizado por Bernardo Máz e Agustín Fernández Paz, afonda na vida de Xan de Xenaro, guerrilleiro do maquis galego e veciño de Limodre, e foi gañador do premio “Galicia” do Certame de Cine e Vídeo de Vilagarcía de Arousa (1987).
A actividade forma parte da programación coa que o BNG de Cabanas e a Fundación Galiza Sempre están a preparar a Homenaxe Nacional á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística, prevista para o mes de setembro en Cabanas, e nace coa intención de honrar a memoria de todas as persoas que loitaron contra o Réxime franquista e sufriron a súa represión, comprendendo non só ás guerrilleiras e guerrilleiros, senón tamén a todas as persoas que serviron de apoio loxístico á mesma dando refuxio, xantares ou compaña, sen as cales as resistencia non sería posíbel.
A escolla de Cabanas para esta conmemoración non é casual, xa que este concello acolle a base da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza, que foi parte dese movemento e continuou en uso até comezos da década de 1950 en Cal do Barqueiro, nos terreos que hoxe ocupa o Parque Natural das Fragas do Eume.