O goberno de Cabanas négase a garantir o socorrismo na praia da Madalena

socorristas
Socorristas na Madalena (crédito imaxe: LVdG)

A proposta do BNG, que trataba de evitar a repetición da situación de 2018, cando a praia da Madalena careceu de socorrismo durante todo o verán, foi tombada polo bipartito PP - AEC

O goberno de Cabanas négase a garantir o socorrismo na praia da Madalena

O goberno de Cabanas negouse no pleno deste mércores 27 de febreiro a garantir a presenza de socorristas na praia da Madalena o próximo verán, ao rexeitar, cos votos de PP e AEC, a proposta do BNG que solicitaba a convocatoria de dúas prazas de socorristas con fondos propios para o verán de 2019.

A proposta dos nacionalistas xorde a raíz da ausencia total de socorrismo e salvamento na praia da Madalena no verán de 2018, unha situación que expuxo a veciñanza e visitantes a riscos innecesarios. "Somos coñecedores de varios incidentes graves, incluíndo fracturas e cortes que, a pesar da moi loábel actuación das voluntarias de Protección Civil na praia, deberían ter sido atendidos polos servizos de socorrismo se estes existisen", explicou o voceiro do BNG na localidade, Iago Varela.

A problemática para conseguir socorristas é ben coñecida e afecta a máis concellos que Cabanas, pois os novos requisitos para a súa contratación reduciron moito a bolsa de persoas contratábeis, un problema que se agudiza naqueles concellos que retrasan máis a publicación das súas convocatorias.

Mais no caso de Cabanas, a situación extrémase pola tendencia do goberno municipal a traballar sen planificación. "O goberno de Cabanas sabe que en inverno chove, mais non limpa os sumidoiros en tempo para que non se anegue o baixo de acceso á Madalena. Sabe que a herba medra, pero non roza para evitar que peche os camiños. Sabe que en verán hai que ter socorristas, pero dálle xullo (e o ano pasado, o fin do verán) sen telos contratados", expresou Varela. "Esta proposta tentaba facer que o socorrismo, polo menos, estivese planificado, e ben antes do verán. Pero está claro que o goberno de PP e AEC prefire seguir cun método de traballo no que só tentan responder ao que xorde, pero nunca se está preparado antes de que xurda."

O goberno de Cabanas négase a garantir o socorrismo na praia da Madalena