O BNG entrega as súas alegacións contra os proxectos de liña de autobús
O BNG critica a negativa do pleno municipal a presentar estas alegacións en nome do concello, a pesar de estas soamente reflectir un acordo plenario de maio de 2018. As alegacións recollen o aumento das frecuencias de todas as liñas e a solicitude de creación dunha liña circular
Membros do BNG e veciñanza de Cabanas presentaron hoxe no rexistro da Xunta en Ferrol varias alegacións contra os anteproxectos de explotación das liñas de transporte colectivo por estrada, que se atopan en exposición pública e cuxo prazo de alegación remata hoxe, 28 de febreiro.
As alegacións presentadas polo BNG solicitan o aumento das frecuencias en todas as liñas e paradas e a creación dunha liña circular de interese municipal, de acordo co acordo plenario adoptado por unanimidade no pleno municipal de Cabanas de maio de 2018.
Porén as alegacións tiveron que ser presentadas en nome do BNG e como veciñanza a título particular porque no pleno municipal de onte, 27 de febreiro, o PP e AEC rexeitaron que fose o concello quen as presentase. "Non entendemos como os grupos de goberno poden desdecirse dun acordo plenario que solicita algo tan básico como ampliar as frecuencias das liñas de autobús e crear unha liña circular", explicou Iago Varela, voceiro do BNG en Cabanas. "Até no último día de Germán Castrillón como alcalde de Cabanas tivo que facer coma sempre: Preferir non molestar ao PP antes que defender os intereses da veciñanza de Cabanas"
De entre as alegacións, o aumento de frecuencias é básico para facer do transporte por estrada unha alternativa viábel de transporte para a maioría da veciñanza. "Coas propostas actuais, a liña que dá servizo a Regoela e Lavandeira só incrementa as súas frecuencias nun servizo diario en sentido Ferrol e as liñas compartidas co transporte escolar, coas súas frecuencias e horarios, tampouco van supór unha mellora real", explicou Varela.
No tocante á liña circular, esta permitiría mellorar a cohesión interna do concello, achegar a veciñanza das parroquias con menos frecuencias aos servizos das zonas urbanas, así como dar a posibilidade de aproveitar as conexións da liña A Coruña-Ferrol mediante transbordos. "A liña circular en particular é dunha importancia enorme, pois na actualidade, unha persoa de Regoela ou Soaserra que queira ir ao Concello ou ao Centro de Saúde en transporte público ten que ir até Fene para facer transbordo, un rodeo que non ten sentido", indicou Varela.
A pesar da negativa do goberno municipal a dar o respaldo do Concello ás alegacións, o BNG espera que a Xunta faga caso destas, pois seguen a contar coa forza dun acordo plenario en vigor, o de maio de 2018. "Nós xa sabemos que para o goberno municipal, cando estes acordos van en contra do seu criterio non é importante respetalos, pero para nós si que o é", rematou Varela.