Declaración de compromiso coas artes escénicas no Día do Teatro 2015

Declaración de compromiso coas artes escénicas no Día do Teatro 2015

teatro

 

O teatro galego creou e crea espazos de diálogo entre a sociedade e o público espectador.

 

 

Igual que a cultura e a creación, mais dunha forma moito máis directa ao ser, por excelencia, o xénero da intervención social, o teatro fainos seres máis libres e felices, para alén de ser un dereito básico por servir de elemento en que depositamos o ser colectivo da nosa cultura, tal e como recolle a Declaración dos dereitos humanos no seu artigo 27.1

 

 

 

 

Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar noprogreso científico e no beneficio que xeraren

 

 

 

 

Nos momento en que coñecemos datos tan preocupantes para as artes escénicas na Galiza, cómpre facer balance da situación do teatro galego, na perspectiva de que a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega. Os momentos de maior brillantez nas artes escénicas, con presenza de compañías estábeis e a promoción do teatro amador, coinciden con períodos de aposta por converter a cultura nunha prioridade e por entender as múltiplas dimensións que posúe o feito teatral. O dato obxectivo de se desenvolveren cada vez menos representacións, de existir un estancamento dos espazos de teatro na Galiza e de desaparecen 10 festivas teatrais no noso país nos últimos dous anos -segundo o último informe do Consello da Cultura Galega- poñen perante os nosos ollos unha evidencia que o sector xa leva sufrindo estes últimos anos.

 

 

Xustamente desde as entidades representativas do sector das artes escénicas veñen dando conta desta situación e reclamando que os poderes públicos apoien a nosa cultura e defendan o acceso ao teatro do conxunto do pobo galego. Mais a cultura galega no seu conxunto padece a ausencia dunha política cultural que a dimensione e a impulse como merece, tamén por ser un sector económico estratéxico para o noso país. Moi ao contrario, o goberno da Xunta de Galiza teima en contribuír ao proceso de homoxeneización cultural e dálle as costas á produción propia mentres aposta, descarada e irresponsabelmente, por manifestacións artísticas foráneas e polos espectáculos para un día, no canto de potenciar aquelas cuestións estruturais (potenciación do teatro amador, creación de espazos teatrais de referencia en vilas e cidades, apoio á produción propia...) que implicasen a mellora da situación dun sector con tradición e talento. A escusa da crise non existe, como tivemos ocasión de comprobar, cando se trata de apoiar espectáculos de artistas foráneos, a través da dilapidación de cartos públicos en cantidades que servirían para frear a desesperación de tantas persoas e grupos que tentan sobrevivir na Galiza. Así é como asistimos con escándalo á emigración forzosa de persoas do mundo das artes escénicas pola política cultural do PP. O goberno da Xunta leva practicado nestes últimos anos uns recortes sen precedentes no mundo da cultura e un dos sectores máis afectado é, sen ningunha dúbida, o das artes escénicas.

 

 

A pesar de todo isto, o teatro galego está vivo. É a imaxe dun pobo que resiste e que se nega a esmorecer afrontando os ataques que sofre día a día. Vive grazas ao traballo e á implicación das pequenas asociacións culturais e dos grupos de teatro, tanto desde a vertente amadora como profesional, que porfían día a día traballando en galego e adaptando pezas teatrais para que se poidan representar en calquera recuncho, desde grandes teatros até pequenas cantinas. Do mesmo xeito, fronte a unha política cultural belixerante co sector, foi o labor continuado dalgúns concellos o que apostou por políticas de apoio e promoción ao teatro, facilitando locais, espazos, concedendo axudas, procurando lugares de visibilización e recuperando a dignidade para a produción teatral tanto amador como de compañías galegas.

 

 

Os concellos do BNG son concellos orgullosos da nosa tradición teatral, conscientes da vinculación da nosa dramaturxia coa recuperación de espazos públicos para a lingua galega, coñecedores da súa potencialidade, artística e como motor de dinamización económica, e sabedores da necesidade apoiar e achegar as artes escénicas ao conxunto do pobo galego.

 

 

COMPROMETÉMONOS A:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  1. Fomentar as industrias culturais galegas, especialmente nos apartados de edición, artes escénicas (teatro e danza), música, artes plásticas e investigación.
  2. Impulsar as artes escénicas galegas e readaptar os espazos municipais para a súa representación. Dar apoio e soporte para albergar espazos creativos.
  3. Realizar mostras e circuítos de teatro e danza.
  4. Apoiar o teatro amador.
  5. Colaborar entre diferentes concellos e administracións para xerar redes e desenvolver circuítos de Contratación.
  6. Ampliar a cobertura xeográfica da oferta pública de programación de espectáculos de artes escénicas dentro do concello, promovendo a distribución territorial e achegando o teatro á veciñanza.
  7. Colaborar cos centros de ensino para fomentar a relación do estudantado coas artes escénicas desde a perspectiva da recepción e a creación. Promover circuitos e mostras de exhibición do teatro e danza escolar, con intercambio entre centros. Potenciar a formación na escrita teatral a través de obradoiros, cursos e outras actividades.
  8. Apoiar o tecido asociativo cultural na localidade e fomentar a emerxencia de calquera actividade de promoción e investigación sobre o teatro galego, o seu patrimonio e a súa historia.
  9. Traballar para aumentar os niveis de asistencia a espectáculos de artes escénicas da poboación, promovendo a fidelización do público.
  10. Impulsar a proxección de novas persoas creadoras no sector das artes escénicas

 

Declaración de compromiso coas artes escénicas no Día do Teatro 2015