O BNG de Cabanas aproba a súa candidatura e as ideas forza do seu programa
A asemblea aberta do BNG de Cabanas vén de aprobar por unanimidade a totalidade da candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais, completando o proceso iniciado en febreiro no que se escolleron os tres primeiros postos da listaxe que lidera Iago Varela. Así mesmo, a cita serviu aos nacionalistas para avanzar nas ideas forza do seu programa electoral, un texto que pretenden ir dando a coñecer nas próximas semanas.
As 11 persoas que forman parte da candidatura (sen contar as suplencias) do BNG Asembleas Abertas de Cabanas proveñen de diversos colectivos sociais con incidencia no concello, coma o banco de alimentos, os movementos contra o PXOM ou os propietarios das Fragas do Eume, entre outros.
Participan da candidatura do BNG Asembleas Abertas de Cabanas persoas provintes de diversos movementos sociais.
Iago Varela, candidato á alcaldía de Cabanas polo BNG AA, amosouse orgulloso de liderar un equipo con ganas de traballar para conseguir un concello transparente, social e adaptado aos novos tempos, ao tempo que destacou a elaboración dunha listaxe cremalleira en cuestións de xénero.
Entre as propostas do BNG Asembleas Abertas para Cabanas destacan a elaboración dun novo PXOM que evite a marbellización do concello, a extensión da banda larga ao 100% do territorio local e numerosas iniciativas a prol de aumentar os servizos sociais, como a creación de vivendas de emerxencia para vítimas de violencia de xénero ou desafiuzamentos.