Un concello que aposte pola educación
Cabanas leva anos sufrindo a falta de planificación do goberno local e autonómico no eido educativo, que nos levou a unha situación de déficit de infraestruturas e poucos lazos de colaboración entre escola e Concello. Cremos que é preciso traballar conxuntamente por ter unha mocidade formada e con coñecementos do entorno, pois supón unha riqueza inmaterial para unha sociedade máis xusta e comprometida co entorno.
No BNG - Asembleas Abertas queremos apostar pola educación, pondo en marcha un proxecto de loita contra o fracaso escolar, de cara a diminuír significativamente a proporción do estudantado egresado sen título á fin da lexislatura, para o que, entre outras cousas, crearemos bolsas para que as familias con baixos recursos poidan sufragar o prezo de clases particulares ou reforzos.
Tamén queremos pór en valor a escola infantil, ampliando os seus horarios de apertura para que sexa un elemento que axude á conciliación familiar, e aproveitar as instalacións dos centros educativos para o seu uso por parte da cidadanía fóra do horario escolar.
No ámbito da formación superior, traballaremos na promoción de convenios de colaboración coas universidades do Sistema Universitario Galego que inclúan, entre outros aspectos, a realización de prácticas formativas en dependencias municipais e empresas do concello.
Mellorar a educación, depende do noso voto. Depende de nós.