Un concello aberto ao mundo cun acceso á rede de calidade
No 2015 o acceso á rede é un servizo imprescindíbel que todas precisamos. Ademais de ser unha ferramenta básica para a comunicación, a Internet sérvenos para estar informadas, xestionar trámites, estudar e formarnos, facer negocios, ocio... e (case) todo o que nos poidamos propór. Porén, a calidade das conexións non sempre está á altura e máis nun concello maioritariamente rural coma o noso, que as operadoras deixan por sistema fóra dos seus plans de expansión de banda larga.
Este desleixo fai medrar a chamada fenda dixital, é dicir, as diferenzas entre persoas que teñen acceso a unha rede de calidade a un prezo razoábel e as que pagan por acceder a un servizo pésimo. En Cabanas, por exemplo, temos unhas poucas vivendas con acceso a 200 megas no núcleo do Areal, mais a poucos metros non se chega aos 3 megas. E non é o peor, posto que en moitos núcleos do concello nin se acada o chamado "mega universal" e, se o fai, é cunhas limitacións de descarga que non fan máis que alimentar esa fenda dixital da que falamos.
No BNG - Asembleas Abertas temos o firme compromiso de pór punto e final a esta problemática e facer de Cabanas un concello conectado a unha rede de calidade, que servirá para mellorar a vida de todas as veciñas e veciños e pór en valor a economía do concello.
Para facelo posíbel pularemos polo despregamento dunha rede de fibra óptica neutra local, xestionada polo propio concello como operador maiorista, co que garantiremos non só unhas conexións de calidade no 100% do territorio do concello, senón tamén uns prezos xustos e bonificacións a persoas sen emprego ou con menos recursos.
Nese camiño de eliminación da fenda dixital existente no concello, estableceremos zonas wi-fi gratuítas no 100% das instalacións municipais, na contorna do paseo marítimo e noutros lugares de especial importancia paraCabanas.
Máis aló das infraestruturas de telecomunicacións, outro aspecto fundamental a coidar é o da formación da cidadanía nas novas tecnoloxías. Por iso desde o BNG - Asembleas Abertas impartiremos cursos de formación e alfabetización dixital para que toda persoa de Cabanas que o desexe poida aprender a manexarse na rede con axuda profesional.
Un concello aberto ao mundo a través da rede, depende de ti. Depende de nós.