Chegou o momento: Depende de Nós
Hoxe remata a campaña electoral, durante a que visitamos todas as casas de Cabanas. Queremos agradecervos o boísimo recibimento que tivemos por parte de todas e todos vós, a veciñanza do concello. Xunto coas nosas propostas repartimos unha carta, que a continuación reproducimos como última publicación desta campaña e compromiso do que será o noso traballo ao longo da vindeira lexislatura.
Querida veciña. Querido veciño.
Son Iago Varela, e son o candidato á alcaldía de Cabanas polo BNG Asembleas Abertas.
Que leva a un rapaz de 29 anos a encabezar unha candidatura á alcaldía do seu concello? Pois, sobre todo, saber que Cabanas non está ben, e que desde o Concello poderíase facer moito, moito máis, por mudar as cousas e conseguir que todas e todos vivísemos nun lugar mellor.
O modelo de concello dos pasados gobernos municipais, do PSOE e do PP, foi facer de Cabanas unha Marbella galega, un destino de sol e praia vencellado á burbulla inmobiliaria. Máis nada. Sen opcións para a nosa mocidade, sen xerar emprego fóra da construción e o turismo, sen uns servizos sociais de calidade
Os resultados pódense ver. Temos un concello sen planeamento urbanístico, onde a lei do vai-ti-facendo deu lugar a auténticas desfeitas urbanísticas, onde hai ducias de vivendas baleiras, onde a falta de políticas de emprego deu lugar a unha taxa de paro local alarmante, onde a mocidade sen alternativas marcha a Narón, á Coruña ou a Londres, e onde o concello non ten un peso por mor da neglixente política dos pasados gobernos do PP e do PSOE.
Por iso hai que cambiar a forma de gobernar Cabanas, de raíz. No BNG non cremos nesa frase feita de que os gobernos locais non poden facer nada. Ao contrario, no BNG pensamos que os concellos, como administración máis próxima aos cidadáns, son os que poden desenvolver políticas cunha incidencia máis directa na vida da xente, para vivirmos mellor.
O BNG ten demostrado, alí onde gobernou, a capacidade de facer dos concellos sitios mellores para vivir. Potenciando o comercio local, creando modelos de cidades e vilas para desfrutar ou fomentando a participación veciñal, o BNG ten transformado concellos por todo o país, coma Ribadeo, Carballo, Allariz, San Sadurniño ou Pontevedra.
O que o BNG quere é traer ese modelo de concello para Cabanas. Para iso, un dos puntos fundamentais do noso programa é actuar desde o Concello de Cabanas para impulsar a economía do concello e así crear oportunidades de emprego. Isto farémolo propondo medidas de fomento do comercio local, creando viveiros de empresas para que a nosa mocidade, co asesoramento do concello, poida emprender sen emigrar, creando un plano de emprego para reducir o paro, e impulsando outro modelo turístico, que vaia máis alá da Madalena e beneficie a todo o concello.
O outro punto fundamental é facer de Cabanas un lugar mellor para vivir, un lugar no que todo o mundo teña as mesmas comodidades que na cidade, nunha contorna moito mellor. Por iso queremos levar os servizos básicos ao 100% do concello, mellorar os servizos de transporte público, impulsar as medidas de conciliación familiar, ampliando o horario da escola infantil e creando unha ludoteca; construír vivendas protexidas en réxime de aluguer para a mocidade de menos de 35 anos, protexer e pór en valor o noso medio natural, impulsar a cultura e o deporte
Como vedes, temos claro o modelo de concello que queremos. Un modelo de concello no que todo o mundo viva mellor. Para telo, é necesario que o nacionalismo volva ter presenza no Concello de Cabanas, eliminando os deixes caciquís dun alcalde que manda e ordena, erradicando o ti-vai-facendo e establecendo unha nova forma de traballar na que a transparencia e a participación cidadá serán os piares fundamentais.
Somos conscientes de que moito do que queremos facer é complicado. A nefasta xestión de Castrillón deixa un concello nunha moi mala situación económica, que pode impedir levar a cabo parte do que propomos. Máis a nosa promesa é clara: traballaremos por facer un concello onde todos os veciños e veciñas vivamos mellor. Un goberno do BNG non se cansará de traballar por mellorar o concello nin será un concello fácil para os gobernos da Xunta e do Estado. Un concello do BNG petará en todas as portas e será rabudo, para conseguir o que, por xustiza, Cabanas merece.
Se che gusta a nosa visión para Cabanas, actúa. O 24 de maio está nas nosas mans ter un concello diferente, un concello onde todos vivamos mellor. Depende de Nós.
Iago Varela Martínez. Candidato á Alcaldía polo BNG Asembleas Abertas