Cabanas realizará unha declaración contra a homofobia e a transfobia a iniciativa do BNG
O Concello de Cabanas realizará unha declaración institucional contra a homofobia e a transfobia coincidindo coa celebración do Día polos dereitos LGTBI, que se celebra o 28 de xuño. Esta foi unha iniciativa do BNG que foi aprobada por unanimidade no pleno municipal.
No último pleno municipal, o BNG presentou unha batería de propostas polos dereitos LGTBI que incluían a aprobación desta declaración e outras medidas que se podían aplicar desde o ámbito do concello, como un plan de educación afectivo-sexual. Así, o Concello asumiría un compromiso maior contra as discriminacións que sofre a comunidade LGTBI. Porén, e malia que a declaración foi aprobada por unanimidade, o resto de medidas foron rexeitadas polo PP e AEC.
Non hai razón que xustifique a oposición á realización dun plan de educación afectivo-sexual que contribúa á eliminación dos prexuízos existentes e normalice a diversidade sexual, sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG, quen tamén lamentou que tanto o PP como AEC manteñan unha actitude contraria ás liberdades sexuais.