O BNG de Cabanas exixe a PP e AEC que dean a coñecer os acordos do “bipartito encuberto”

O BNG de Cabanas exixe a PP e AEC que dean a coñecer os acordos do “bipartito encuberto”

concello cabanas

 

No pleno do mes de xuño, celebrado o pasado mércores día 29, exiximos desde o BNG que o Partido Popular (PP) e a Agrupación de Electores de Cabanas (AEC) desen a coñecer á veciñanza os acordos do bipartito encuberto entre as dúas formacións para gobernar a localidade.

 

 

O PP (que está a un concelleiro da maioría absoluta) atopou na concelleira de AEC Eva García Amor unha fiel aliada ás súas políticas caciquís: o seu voto a si mesma na sesión de investidura frustrou un acordo de cambio e permitiu que o PP siga gobernando, en xullo do ano pasado, a concelleira de AEC apoiou a suba dun 10% no soldo do alcalde (un dos máis altos de toda a comarca, 30.000 € por 29 horas/semana), e a comezos deste ano votou favorabelmente uns orzamentos “totalmente antisociais”, nos que se dedica 7 veces máis orzamento aos paseos en barca polo río cás axudas sociais.

 

 

Porén, a función de Eva García vai máis alá de apoiar o goberno de Germán Castrillón, xa que agora tamén se converteu nunha peza chave para bloquear sistematicamente todas as iniciativas da oposición: A concelleira de AEC impediu co sentido do seu voto que a veciñanza de Cabanas poida falar nos plenos, que se traballe pola instalación de desfibriladores, que se recupere o Noitebús, que se asesore á mocidade en temas como a diversidade sexual... e, en xeral, que saíse adiante calquera proposta da oposición. Ao mesmo tempo ela só presentou unha única iniciativa política en toda a lexislatura. “Xa non é que non faga nada, é que aínda por riba impide que saia adiante o que facemos os demais grupos”, sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG.

 

 

A situación chegou ao esperpento no último pleno, no que a concelleira de AEC votou en contra dunha iniciativa do BNG que tiña como obxectivo establecer un mecanismo de fiscalización das mocións aprobadas, a pesar de que tamén fiscalizaría as mocións apoiadas por ela mesma, e que agora durmen o sono dos xustos no caixón da alcaldía.

 

 

“É lexítimo que haxa un bipartito entre PP e AEC, pero a veciñanza de Cabanas ten que saber cales son as condicións dese acordo”, concluíu Varela, quen lamentou que AEC “elixise embarcarse coa dereita de Germán Castrillón para seguir no inmobilismo no canto de permitir un goberno de progreso no Concello que fixese de Cabanas un sitio mellor”.

 

O BNG de Cabanas exixe a PP e AEC que dean a coñecer os acordos do “bipartito encuberto”