Unha Cabanas medioambientalmente sustentábel
Cabanas conta cun entorno natural único ao que moitas veces non se lle presta a atención suficiente, e para o que desde o BNG - Asembleas Abertas demandamos protección, tanto polo valor por si mesmo que ten vivirmos nun entorno coidado como polas potencialidades económicas que crea esta situación. Ademais, tamén queremos un concello responsable co medio ambiente en xeral, polo que traballamos nunha serie de propostas para facer de Cabanas un entorno medioambientalmente sustentábel.
Estas son algunhas das nosas propostas:
Recuperación da ensenada do paseo, mediante a súa limpeza do xeito máis beneficioso para o ambiente e a erradicación dos verquidos á mesma, para así poder aproveitarmos a súa riqueza paisaxística e ambiental e marisqueira.
Protección e posta en valor de todos os ámbitos de riqueza ambiental do Concello, como as Fragas do Eume ou os ríos Ventín e Baa. Redacción dun plano de posta en valor das especies animais que forman parte destes ecosistemas, e en especial das aves.
Establecemento de limpezas periódicas dos ríos, levadas a cabo mediante modelos de intervención mínima, de cara a evitar inundacións. Erradicación das actuacións con maquinaria pesada en cauces fluviais.
Estudo das posibilidades dun plano de forestación para axudar á fixación do CO2.
Elaboración dun plano de conservación dos montes e prados que forman parte da área da Veiga e reapertura do camiño que comunica co río.
Elaboración dun plan de actuación para a erradicación dos plumachos (Herba da Pampa cortaderia selloana), acacia mimosa e o fungo estrela vermella (Clathrus archeri), especies invasoras que están a danar gravemente o hábitat en diferentes zonas do concello.
Prohibición de instalación de circos con animais, dado que estes son sometidos a un trato antinatural e se ven obrigados a sobrevivir fóra do seu hábitat.
Posta en marcha do Punto Limpo de Vilar do Colo, en colaboración cos concellos de Fene, Ares e Mugardos.
Recuperación e posta en valor do Piñeiral da Madalena.
Facer de Cabanas un concello medioambientalmente sustentábel, tamén depende de nós.