DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Cabanas, 365 días contra todas as violencias
Visibilizar, denunciar e erradicar a violencia machista en todas as súas formas e en todos os ámbitos é un dos retos máis importantes que temos como sociedade para construírmos o concello e a Galiza do futuro, onde a igualdade sexa unha realidade. Por iso o feminismo e as políticas feministas son ferramentas fundamentais coas que debemos traballar sen conformarnos en canto siga exercitándose a violencia contra as mulleres polo mero feito de ser mulleres.
Nos últimos tempos avanzamos na visibilización dalgunhas violencias machistas grazas ao traballo mobilizador e concienciador dos diferentes movementos de mulleres. Porén, non é suficiente, temos que seguir avanzando na rúa e nas institucións para visibilizar todo tipo de violencias, desde a física, a psicolóxica, a presión estética, a violencia obstrética e os tratos inadecuados no marco da sanidade até a violencia económica.
Seguen sendo as mulleres as que máis pagan a crise do sistema e o empeoramento das condicións de vida das clases populares, ocupando as peores taxas de desemprego e precarización, liderando as contratacións parciais e padecendo a desigualdade salarial.
Cabanas apoia a proposta do BNG de creación dun Estatuto do Feminicidio
O pleno de Cabanas apoiou a proposta do BNG para apoiar a ampliación da acreditación por violencia machista e a creación do Estatuto do Feminicidio. O feminicidio foi promovido polos movementos feministas como unha figura legal que sobarda o ámbito que legalmente se lle recoñece á violencia de xénero, de xeito que inclúa todos os ataques nos que é relevante o feito de a vítima ser muller, ou nos que se busque o sufrimento da muller como obxectivo.
"A figura do feminicidio permite tamén incluír todos os ataques ás mulleres, independentemente da súa relación co atacante, e non só os ataques a compañeiras sentimentais" sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG. "Ademais, tamén se busca expandir a definición do que se considera como violencia de xénero, incluíndo a violencia cara os achegados da muller (asasinato de fillos, por exemplo), a violencia sexual ou a violencia causada polo propio estado (cando, por exemplo, unha muller ten que acudir a realizar un aborto clandestino por non estar regulado o seu dereito)".
QUERÉMONOS VIVAS, LIBRES E IGUAIS!
[Concentración] O BNG participará na concentración convocada pola Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista. Será ás 19h na Praza do Inferniño, en Ferrol.