O BNG pídelle a Couce que publique “as contas reais” do Concello de Cabanas

O PP leva dous anos sen aprobar orzamentos e leva gastados máis de medio millón de euros do aforro municipal para facer fronte a gastos correntes
O alcalde utiliza o remanente para pagar a luz, o lixo e as nóminas mentres presume de deixar partidas sen executar e perde subvencións de miles de euros
O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, vén de lanzar unha nova mensaxe propagandística sobre a economía de Cabanas. Nela fala de superávit, estabilidade orzamentaria e “liberdade” financeira. Porén, a realidade é ben diferente: o Concello de Cabanas leva dous anos sen ser capaz de aprobar uns orzamentos. Como consecuencia desta falta de planificación económica, o PP xa gastou máis de medio millón de euros do remanente para cubrir gastos ordinarios.
“O que o alcalde chama superávit non é máis ca o reflexo da súa inacción e incapacidade: son preto de 118.000€ que quedaron sen executar no 2024, cartos que non se investiron en mellorar servizos nin en atender as necesidades da veciñanza”, denuncia o portavoz municipal do BNG, Iago Varela.
Situación de gravidade económica
A situación económica de Cabanas é grave. O goberno de Fernando Couce non só carece de iniciativa e visión para executar investimentos, senón que está a empregar os aforros municipais -o chamado remanente de tesourería- para pagar facturas de lixo, de luz, de combustible e mesmo das actividades culturais e deportivas.
Só en 2024 empregou o remanente para pagar 216.000€ de gasto ordinario (incluíndo 46.000€ de recollida de lixo e 23.000€ para actividades deportivas municipais). Tamén tivo que suplementar en 200.000€ as partidas de luz: 60.000€ con cargo ao remanente e 140.000€ euros con cargo a ingresos extraordinarios recibidos de tributos no Estado. Estas cifras distan moito da “boa saúde financeira” da que presume Couce.
A isto hai que sumar o descontrol nas facturas. Provedores que prestaron servizos no 2023 tiveron que agardar até maio de 2024 para que se lles recoñeceran os recibos, incluíndo máis de 70.000€ en luz, 6.000€ en combustible ou 5.000€ no servizo de atención á infancia. Mesmo as asistencias das concelleiras a plenos e comisións foron pagadas con cargo ao orzamento de 2024 por non ter sido previstas no 2023.
E por se fose pouco, o goberno de Couce tivo que devolver máis de 112.000€ dunha subvención para a cuberta do Pavillón de Lavandeira por non controlar a obra nin entregala en prazo. Ademais, a pasividade coa que xestiona outros grandes investimentos conseguidos no anterior mandato (Fondos de Transición para a construción dun coworking en Vilar do Colo e a rexeneración do Piñeiral; Humanización da N651 na Avenida do Areal, PSTD das Fragas do Eume) fan perigar a súa execución para a mellora da vida da veciñanza.
Por todo iso, fronte ao “fume propagandístico nas redes sociais municipais”, o BNG pídelle a Fernando Couce “que publique as contas reais do Concello”.