O BNG cuestiona a viabilidade medioambiental da vertedura de areas sobre o solo do Piñeiral da Madalena
Iago Varela e Xosé Manuel Golpe denuncian a actuación de Augas de Galiza por depositar materiais mesturados con restos de formigón e asfalto sobre o solo natural
Os nacionalistas esixen os informes ambientais que avalan a intervención e critican a falta de transparencia do goberno local de Cabanas
O voceiro municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, e o deputado no Parlamento de Galiza e veciño do municipio, Xosé Manuel Golpe, denunciaron a vertedura que está a realizar Augas de Galiza no Piñeiral da Madalena, onde se están a depositar sobre o solo natural os materiais resultantes da escavación dos colectores de saneamento.
“Estes residuos, aínda que en maior medida sexan area de praia, están mesturados con fragmentos de asfalto e formigón, o que os converte en refugallos segundo a lexislación vixente. Como tales, deben ser tratados”, explicou Golpe, quen xa avanzou a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento Galego para esixir explicacións. “Agora que as competencias sobre o litoral van estar en mans da Xunta, teñen que dar conta de cal é o obxectivo desta actuación e que informes ambientais a sustentan”, engadiu.
Pola súa banda, Iago Varela criticou que, malia terse solicitado ao Concello informes que avalen esta actuación, non se achegou ningún documento técnico que a xustifique. “Non sabemos cal é o propósito de cubrir todo o espazo entre os piñeiros cunha area que non foi tratada. Tampouco entendemos por que se agardou até maio para facelo. Todo isto é un auténtico despropósito”, sinalou.
Varela lembrou tamén que non existe ningún acordo plenario que avale esta actuación, desmentindo as palabras do alcalde na prensa. “Fernando Couce falta á verdade cando asegura que a vontade do pleno ampara esta actuación. O Concello nin sequera ten competencias nesta materia”. “É ben triste que, en lugar de asumir a súa responsabilidade e poñerse do lado da veciñanza, prefira escudarse en declaracións falsas e defender á Xunta, igual que cando Augas de Galiza encheu de augas residuais o Piñeiral”, concluíu o voceiro nacionalista.