O BNG leva ao Parlamento os recortes no CEIP Eladia Mariño de Cabanas
A comunidade educativa do CEIP Eladia Mariño coñeceu días atrás, tras a publicación das vacantes definitivas, que a Xunta non cubrirá no curso que comeza en setembro a praza vacante por xubilación dunha mestra de Educación Infantil.
Este feito tradúcese na perda da mestra de apoio en infantil, o que implica tanto a reorganización dos horarios do profesorado no inicio do curso, como a perda da posibilidade de seguir desenvolvendo o carácter innovador das distintas actividades baixo unha metodoloxía de traballo consolidada con bos resultados. Tamén imposibilita seguir a atender ao alumnado como se viña facendo, especialmente ás crianzas con necesidades específicas de apoio nunha etapa tan sensíbel.
Neste contexto, unha representación do BNG, formada polo deputado no Parlamento de Galiza, Mon Fernández, e as concelleiras do BNG en Cabanas, Iago Varela e Paula González, reuníronse esta maña coa directiva da ANPA O Castiñeiro, que estes días está a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas instando á Xefatura Territorial de Educación a cubrir esta praza vacante.
Durante o encontro, Mon Fernández informou ás representantes da ANPA de que o BNG rexistrou a semana pasada diversas iniciativas no Parlamento de Galiza instando á Xunta a cubrir a vacante de mestra de Educación Infantil no CEIP Eladia Mariño para poder iniciar o curso con normalidade, así como varias preguntas para a súa resposta tanto por escrito como na Comisión nº 4 do Parlamento Galego.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Iago Varela, trasladou “o apoio do BNG nas reivindicacións da comunidade educativa do CEIP Eladia Mariño contra os recortes da Xunta”, e púxose a disposición para todo canto fora preciso este fin.