O MANDATO DE CASTRILLÓN SERÁ RECORDADO COMO OS “ANOS ESCUROS” DE CABANAS.

O BNG exixe a dimisión do alcalde de Cabanas ao confirmarse a súa candidatura en Narón

iago varela - candidato bng cabanas
Iago Varela é o candidato do BNG en Cabanas
O BNG exixe a dimisión do alcalde de Cabanas ao confirmarse a súa candidatura en Narón

Tras confirmarse a nova – que xa adiantaran varios medios – de que o actual alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, será o cabeza de lista do Partido Popular en Narón, o BNG exixe a súa dimisión inmediata.

“Germán Castrillón nunca tivo a Cabeza en Cabanas. O único que lle importou desde que accedeu á alcaldía do noso concello foi o seu propio beneficio e o do PP”, sinalou o portavoz municipal e candidato á alcaldía polo BNG, Iago Varela. “A confirmación da súa candidatura polo PP de Narón incapacítao para seguir un minuto máis ao fronte da alcaldía de Cabanas”, sentenciou.

O mandato de Germán Castrillón será lembrado como “os anos escuros” de Cabanas. Algúns dos “éxitos” da súa xestión á fronte da alcaldía foron terse subido o soldo para converterse nun dos alcaldes que máis cobra de Galiza por adicación parcial (30.000 € por 29 horas semanais), asegurar o voto de AEC para garantir a maioría absoluta do seu goberno a través dunhas dietas de dubidosa legalidade por valor de 7.200 €/ano, reducir o orzamento de Servizos Sociais até os 3.000 €/ano, aprobar un PXOM que aspira a facer de Cabanas a “Marbella galega” e que hipotecará futuros gobernos municipais e eliminar calquera forma de participación veciñal na vida municipal.

Desde o BNG lamentan a “pouca valentía” de Castrillón, pois no último pleno – celebrado o mércores, un día antes da confirmación oficial da súa marcha – evitou responder á pregunta do portavoz do Bloque sobre a súa marcha. “Nin sequera ten a decencia de mirar á cara á veciñanza no pleno para dicirlles que vai para Narón”.

“O ano que vén Cabanas ten a oportunidade de escoller entre a herdanza de Castrillón ou apostar por un concello aberto e novo”, sinalou o candidato do BNG Iago Varela. “No BNG temos o proxecto, as persoas e as ganas para facer de Cabanas o concello que todos soñamos, e traballaremos arreo para conseguilo”, concluíu.

O BNG exixe a dimisión do alcalde de Cabanas ao confirmarse a súa candidatura en Narón