O BNG rexeita o ERE en Noa Madera e anuncia iniciativas nas diversas institucións
Na tardiña de onte, unha representación do Consello Comarcal do BNG –na que estaba a súa responsábel comarcal, Mercedes Tobío, o deputado provincial Xesús Soto e os portavoces municipais do BNG en Fene e Cabanas, Juventino Trigo e Iago Varela- mantivo unha reunión co Comité de Empresa de Noa Madera para analizar a situación que se está a vivir co anuncio por parte da empresa da presentación dun ERE estintivo que afectaría a máis de 100 traballadoras e traballadores.
No discurso do encontro, a representación do Comité de Empresa explicou que a situación parte da absorción de Noa Madera por parte do grupo Malasa –que ten como cliente prioritario a Inditex- o pasado mes de agosto, e o anuncio dun posíbel ERE non está baseado en problemas de produción, senón máis ben nun intento da actual propietaria de ameazar co ERE extintivo para, en realidade, facer unha política de precarización das condicións laborais para obter máis beneficios a costa das traballadoras e traballadores.
Estamos a falar dunha empresa que, ademáis, conta cunha plantilla cunha media de idade moi nova do entorno do conxunto da comarca; sendo da maioría dos casos persoas que accederon aquí ao seu primeiro posto de traballo, polo que o impacto na xa deteriorada economía comarcal sería considerábal -dado que non falamos só dos postos directos da empresa, senón dos que derivan da actividade que desenvolve- ademáis de deixar desprotexidas a centos de familias.
O BNG comarcal, á vista desta situación, expresa a súa rotunda oposición non só a calquera tentativa de levar a cabo un inxustificado ERE extintivo, senón tamén a que se perda calquer posto de traballo ou se precaricen as condicións laborais da plantilla. Nese sentido, levaránse mocións aos diversos concellos da comarca e, ademáis, mañá xoves día 8 desprazaráse á comarca a deputada do BNG no Parlamento Galego Noa Presas –responsábel da área de industria - co obxecto de articular iniciativas a presentar no Parlamento Galego para que se posicione na defensa dos postos de traballo.