CHAMOSO

Reiteramos a necesidade de actuar sobre o talude da praia de Chamoso

2017.10.31 - Talude Chamoso  (2)
2017.10.31 - Talude Chamoso (2)

Durante os últimos días producíronse novos desprendementos na praia de Chamoso, deixando o camiño de acceso nunha situación cada vez máis precaria. Reiteramos a necesidade de actuar sobre o talude para evitar desprendementos e caída de árbores. O BNG leva denunciando estes perigos desde marzo de 2016 sen que o Goberno Municipal faga nada por solucionalos.

Reiteramos a necesidade de actuar sobre o talude da praia de Chamoso

O BNG de Cabanas chama ao goberno municipal a actuar dunha vez sobre o talude da praia de Chamoso, despois dun novo corremento de terras.

Este talude, situado sobre a praia de Chamoso, leva xa desde marzo de 2016 nunha situación precaria como resultado dun temporal que causou un importante corremento de terras no mesmo. A consecuencia deste desprendemento viuse afectado o camiño de acceso ao areal, quedando cunha caída directa ao mar desde varios metros de altura, así como as árbores que o bordean, varias das cales levan desde entón en perigo de caer sobre a praia. A situación leva empeorando progresivamente desde aquela, pois a erosión causa desprendementos periódicos que deixan tanto as árbores coma o camiño nunha situación cada vez máis precaria e perigosa.

2017.10.31 - Talude Chamoso  (1)

O BNG leva xa ano e medio denunciando a perigosidade da situación, pois, segundo explicou Iago Varela, voceiro municipal do BNG en Cabanas, "ademais das árbores que puidesen caer sobre a praia, o talude sofre unha erosión continuada que, de non actuar, acabará deixando a praia sen o seu principal acceso". Porén, e a pesar da urxencia da actuación, o goberno municipal non fixo máis ca colocar unhas vallas e cintas sinalando o perigo.

Desde o BNG consideramos urxente que o goberno municipal presione a Costas para que faga as obras necesarias de cara á protección do talude. "O talude resistiu ano e medio, e varias árbores, incluíndo un piñeiro de grandes dimensions, dous veráns, sen caer nin caerlle enriba a ninguén unicamente pola boa fortuna", manifestou Varela. "O goberno de Germán Castrillón é experto en eludir as súas obrigas cando se trata de defender os intereses do concello ou da veciñanza de Cabanas ante outras administracións, pero é a hora de actuar, do contrario a situación será irreversíbel".