PROGRAMA

Ideas Claras: Mobilidade e transporte

Apeadoiro do Areal
Apeadoiro do Areal

As nosas propostas programáticas para a mobilidade, o transporte público, a rede viaria e a AP9

Ideas Claras: Mobilidade e transporte

Cabanas sofre as molestias derivadas da presenza de varias vías de comunicación sobre o noso territorio (AP-9, N-651, ferrocarril), que en ocasións, por mor do mal deseño da política de transporte, supoñen máis inconvenientes que vantaxes.

Isto é aínda peor no caso do transporte público, que presenta grandes carencias no noso concello, tanto na conexión externa como na interna, con percorridos entre puntos do concello para os que resulta máis fácil facer transbordo noutros lugares, coma Fene.

Desde o BNG propomos un novo modelo de transporte, onde primen peóns e bicicletas sobre vehículos, o transporte público sobre o particular, e onde se busquen solucións ás molestias de mobilidade do noso concello.

Porén, un plan de mobilidade debe ir máis aló do ámbito local, polo que tamén impulsaremos a redacción e posta en práctica dun plano comarcal de mobilidade, que aproveite os recursos xa existentes e dote dun mellor transporte público a Cabanas en colaboración cos concellos da contorna.

As nosas propostas son:

  • Redactar e poñer en marcha un plano comarcal de mobilidade, que aproveite os recursos xa existentes e dote dun mellor transporte público a Cabanas, en colaboración cos concellos da contorna.
  • Potenciar o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo, coa creación de carrís bici, aparcadoiros específicos en lugares de especial importancia e o establecemento dun servizo de préstamo / alugueiro de bicis.
  • Recuperar, marcar e promocionar os camiños tradicionais como rutas de transporte á pé, e integralos con outros sendeiros peonís de xeito que se cree un sistema de camiños que permitiría atravesar o concello camiñando por rutas seguras para os peóns.
  • Reordenar e mellorar as liñas de autobuses, de forma que os horarios se adecúen ás necesidades da veciñanza e non ás da empresa, aumentando as frecuencias.
  • Revisar a situación das marquesiñas e dotar das mesmas os lugares que carezan delas, así como mellorar a seguridade de acceso ás mesmas.
  • Crear unha liña de autobuses de interese municipal, que conecte en sentido circular todas as parroquias do concello, co obxectivo de mellorar a cohesión interna e achegar a veciñanza das parroquias con menos frecuencias aos servizos das zonas urbanas así como dar a posibilidade de aproveitar as conexións da liña A Coruña-Ferrol mediante transbordos. Este bus estará apoiado por taxis que se encargarían de achegar ata a ruta do bus a aqueles veciños que non teñan combinación posible, así como para transportar ás persoas con mobilidade reducida, que precisen asistencia nas súas xestións, ou cuxas necesidades non se adapten aos percorridos dos buses.
  • Recuperar a liña de Noitebús que unía Ferrol e Miño, garantindo así un servizo de transporte público que permita á mocidade desprazarse durante as noites de ocio nocturno sen ter que facer uso dos vehículos particulares.
  • Impulsar o apeadoiro do Areal en consonancia co traballo para o establecemento dun servizo de proximidade entre Ferrol e A Coruña, con maior frecuencia e menor prezo.
  • Recuperar o uso do Apeadoiro do Areal.
  • Poñer en marcha un plan de eliminación de barreiras de mobilidade, para que a totalidade das infraestruturas municipais e as beirarrúas dependentes do concello, así como o acceso ás praias, sexan accesíbeis para persoas con mobilidade reducida.

Dentro da mobilidade, o estado da rede viaria é fundamental. Na actualidade, os anos de recortes deixaron unha rede viaria moi deteriorada, o que causa ademais un aumento da perigosidade. Para evitarmos accidentes é atropelos, haberá que investir na súa conservación e reforma, así como na reordenación do tráfico.

  • Mellorar de xeito xeral a ordenación do tráfico, co fin de reducir a sinistralidade nas pistas, estradas e rúas do concello.
  • Mellorar a seguridade de vehículos e peóns na N-651 ao seu paso por Cabanas, mediante a creación de espazos para a circulación de peóns e pasos elevados de cruce.
  • Mellorar a seguridade de peóns nas pistas e estradas secundarias do concello e habilitar pasos de cebra.
  • Establecer un sistema de plataforma única para a convivencia de vehículos e peóns nas pistas do concello.
  • Instar ao Goberno Galego a incrementar a dotación do Plan marco de camiños rurais cos concellos, dotando dito Plan dun orzamento plurianual que asegure investimentos de xeito sostido e progresivo en colaboración cos propios concellos.
  • Mellorar de xeito xeral o asfaltado, limpeza e roza dos camiños municipais.
  • Aumentar o número de pasos de peóns en áreas como Cardeita, o Centro de Saúde ou a parte alta do Areal.
  • Coidar e solucionar o deterioro das vías municipais, coma no Batán, na estrada de Laraxe a Salto, acceso a Irís, ...
  • Procurar a solución de tapóns de mobilidade coma no Areal...

A AP-9, que atravesa o noso concello, continúa a ter uns prezos excesivos que fan que non sexa unha opción para moitas persoas, expoñéndoas ademais a unhas estradas cuxo estado de conservación é lamentábel. A postura do BNG é ben coñecida: AP-9 galega, libre e gratuíta.

  • Instar ao Goberno central a aprobar a transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 a Galiza, de cara á posterior abolición das peaxes.
  • Solicitar a construción dun enlace na AP-9 en Vidreiro, imprescindíbel para poder solucionar os problemas de tráfico que sufrimos no noso concello, particularmente na Ponte de Pedra.
  • Solicitar a gratuidade do tramo da AP-9 entre Fene e Miño, ou, cando menos, entre Fene e ese novo enlace do Vidreiro.
  • Exixir que a concesionaria da AP-9 pague o IBI sen bonificación da totalidade do tramo da AP-9 que atravesa o Concello, e impoñerlle o máximo tipo impositivo posíbel.