Iago Varela encabeza a candidatura do BNG – Asembleas Abertas en Cabanas

Iago Varela encabeza a candidatura do BNG – Asembleas Abertas en Cabanas

 

iago varela bng cabanasPaula González e Xosé Manuel Golpe seguirán a Varela nos primeiros postos da lista.

 

 

O BNG de Cabanas vén de anunciar o primeiro tramo da candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 24 de maio, unha cita na que aspiran a desbancar ao Partido Popular do goberno local.

 

 

As participantes no proceso de Asembleas Abertas impulsado polo BNG acordaron tamén as liñas mestras que rexerán a elaboración do programa da formación nacionalista, un texto no que o compromiso social e a transparencia serán eixos fundamentais.

 

 

A candidatura do BNG – Asembleas Abertas estará encabezada por Iago Varela, de 28 anos de idade, vencellado á comunicación sobre novas tecnoloxías tras ter cursado estudos de enxeñaría de telecomunicacións. Varela estará acompañado nos primeiros postos da lista por Paula González, técnica en prevención de riscos laborais, e Xosé Manuel Golpe, técnico en enerxías renovábeis.

 

 

Na súa intervención, Varela amosouse ilusionado de liderar un proxecto de xente nova que “transformará Cabanas nun concello adaptado aos novos tempos” e no que as persoas serán o centro de todas as decisións. O candidato tamén tivo palabras de agradecemento para as participantes do proceso de Asembleas Abertas impulsado polo BNG de Cabanas, que comezou o pasado mes de novembro e seguirá a ter continuidade para seguir conformando o resto da candidatura e o programa definitivo, que serán dados a coñecer nas próximas semanas.