O noso compañeiro Xosé Manuel Golpe, número 9 nas listas do BNG ao Parlamento de Galiza

Xosé Manuel Golpe Acuña
Xosé Manuel Golpe Acuña
Golpe é veciño de Laraxe, e ten participado en diversas candidaturas locais nos últimos anos.
O noso compañeiro Xosé Manuel Golpe, número 9 nas listas do BNG ao Parlamento de Galiza

O cabanés Xosé Manuel Golpe, veciño de Laraxe, ocupará o posto número 9 na candidatura do BNG ao Parlamento de Galiza pola provincia da Coruña nas eleccións do próximo 18 de febreiro. 

Nado en Irixio en 1972, Golpe leva uns 25 anos vivindo en Laraxe, e traballa como consultor enerxético na Axencia Enerxética da Deputación Provincial, nas Pontes.

Participou de moitas iniciativas, tanto no eido local (presidente do ANPA O Souto do CEIP Eladia Mariño, directivo da SD Barallobre) coma no seu sector (Directivo en Nosa Enerxía S. Coop). Tamén leva a cabo moito traballo voluntario, explicando o funcionamento do mercado enerxético e axudando a comprender as súas facturas por todo o país. 

Tamén participa da equipa nacional de Enerxía do BNG, contribuíndo a desenvolver propostas como a implantación da tarifa eléctrica galega. No eido da enerxía social vén traballando na implantación de comunidades enerxéticas, das que é pioneiro no noso país, desenvolvendo traballos tan relevantes coma os da Illa de Arousa, Tameiga, ou Ponte Caldelas.

Golpe leva moitos anos vencellado ao BNG de Cabanas. Foi concelleiro entre 2007 e 2011, e responsábel local do BNG até este mandato. Ten participado na candidatura local do BNG en diversas ocasións, a última nas eleccións municipais de 2023, onde concorría no número 5.

Coa presenza de Golpe na candidatura do BNG, Cabanas contribuirá a facer que Ana Pontón sexa a próxima presidenta da Xunta de Galiza, posibilitando un necesario cambio de rumbo nas políticas que se desenvolven desde a Xunta de Galiza. Porase así fin a 14 anos de goberno do Partido Popular na Xunta, nos que Cabanas ficou totalmente esquecida.

O noso compañeiro Xosé Manuel Golpe, número 9 nas listas do BNG ao Parlamento de Galiza