O BNG recupera a voz no Concello de Cabanas

O BNG recupera a voz no Concello de Cabanas

 

2015-06-13 12.10.15Despois de ter obtido 209 votos nas pasadas eleccións municipais, o BNG recuperou a voz no Concello de Cabanas na persoa do noso concelleiro Iago Varela, que vén de prometer hoxe o seu cargo.

 

 

Con este acto, o BNG recupera definitivamente a voz no Concello de Cabanas, tras dous anos nos que os votantes do BNG non tiveron representación após a decisión dos anteriores representantes de abandonar a formación e ficar coas actas de concelleiros, furtando así a voz ao BNG de Cabanas no pleno municipal.

 

 

Iago Varela promete defender os intereses da veciñanza de Cabanas.

 

 

Na súa promesa, sobre o Sempre en Galiza e con tres cravos vermellos, o noso concelleiro comprometeuse a defender os intereses da veciñanza de Cabanas e do pobo galego no seu conxunto, co seguinte texto:

 

 

 

 

Prometo por imperativo legal acatar a Constitución. Así mesmo, prometo cumplir fielmente as obrigas do cargo de concelleiro do Concello de Cabanas, comprometéndome a defender os intereses xerais da veciñanza e do pobo galego.

 

 

 

 

AEC responsable da continuidade do PP ao frustrar as posibilidades de cambio.

 

 

Durante a sesión produciuse a escolla de novo alcalde da corporación. O candidato do PSOE obtivo 5 votos, o do PP 4 (pola ausencia do propio candidato) e a candidata de AEC votouse a si mesma, facendo que a alcaldía recaese no candidato da lista máis votada nas eleccións, a do PP de Germán Castrillón, e frustrando as posibilidades dun cambio de goberno en Cabanas.

 

 

O BNG de Cabanas considera a AEC e a Eva García como cómplices do PP e responsables da desfeita que supoñen catro anos máis de Castrillón á fronte do goberno municipal. En palabras do noso concelleiro, "non entendemos como un partido que di querer o mellor para Cabanas pode permitir a continuidade dun alcalde que tivo unha xestión pésima para Cabanas, que non solucionou ningún dos problemas que había cando chegou e que deixa o concello hipotecado, como ben explicou hoxe o secretario municipal no pleno. De agora en diante, Eva García é para nós corresponsable de todas as desfeitas da xestión de Castrillón".

 

 

Catro anos por diante para conseguir un goberno nacionalista en 2019.

 

 

O BNG de Cabanas considera que hoxe comezan catro anos de duro traballo, nos que faremos fronte ás políticas depredadoras do PP de Castrillón. O noso traballo basearase nunha oposición firme, construtiva e rigorosa, na que o noso concelleiro levará ao pleno a voz da veciñanza de Cabanas, pulando por conseguir un goberno máis democrático, transparente e participativo. En palabras de Iago Varela, "a nosa oposición non só se baseará en tentar parar as propostas nocivas para a veciñanza de Cabanas, senón que tentaremos presentar como é o noso modelo de Concello, xa que temos o convencemento de que Cabanas merece e pode ter un goberno moito mellor có de Castrillón e de que igual que o BNG conseguiu transformar Allariz, Carballo ou Rianxo tamén pode transformar Cabanas para que todos os cabaneses e cabanesas disfruten dun concello moito mellor".