O BNG homenaxeou en Cabanas á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística

Acto de homenaxe
Acto de homenaxe

Diferentes colectivos da comarca sumáronse á xornada cun cortexo cívico desde a aldea de Xicos

O BNG homenaxeou en Cabanas á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), xunto coa Fundación Galiza Sempre (FGS), celebraron esta mañá en Cabanas un acto político de Homenaxe á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística, co que se quixo honrar a memoria de todas as persoas que loitaron contra o Réxime franquista e sufriron a súa represión, comprendendo non só ás guerrilleiras e guerrilleiros, senón tamén a todas as persoas que serviron de apoio loxístico á mesma, dando refuxio, xantares ou compaña, e sen as cales a resistencia non sería posíbel.

O encontro contou coa presenza de diversos familiares destas persoas represaliadas, algunha das cales desprazáronse especificamente desde Francia para asistir aos actos de homenaxe, e as intervencións de Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galiza; Lucía Veciño, secretaria da Fundación Galiza Sempre; e Iago Varela, portavoz municipal do BNG en Cabanas. Ademais, descubriuse unha placa de homenaxe e depositouse un ramo de flores en honor ás represaliadas en Cabanas e no conxunto da comarca do Eume.

O portavoz municipal do BNG, Iago Varela, lembrou que “Cabanas foi un dos núcleos de maior resistencia antifranquista, onde moitos fuxidos valéronse da espesura das Fragas do Eume como refuxio”, e destacou que “estas persoas fuxidas valéronse da solidariedade da poboación local, que daba apoio loxístico en forma de alimentos, medicinas, armas ou acubillo, especialmente nas parroquias de Regoela e Soaserra”.

Pola súa banda, a secretaria da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño, destacou a necesidade de seguir avanzando para documentar o papel do nacionalismo na guerrilla galega, así como o das mulleres. “As mulleres foron a alma das redes de a poio, mantendo vivo o espírito da resistencia. A súa complicidade e compromiso foi vital para que a guerrilla durase tantos anos nos montes galegos”, concluíu.

Cortexo cívico e xantar

Á xornada de homenaxe reivindicativa organizada polo BNG tamén se sumaron outros colectivos da comarca, como Son Radiofusión, o Ateneo Fernán Martís, o Colectivo Terra, a Fundación Artabria ou a revista Mazarelos, organizando un cortexo cívico con saída da aldea de Xicos (Regoela), que percorreu algúns os lugares da memoria da guerrilla antifranquista de Cabanas. Este roteiro estivo guiado por Javier Rodríguez, decano da Facultade de Historia da Universidade de León, Henrique Sanfiz, director de Radiofusión, e Anxos García Fonte, profesora.

A xornada rematou cun xantar popular de confraternidade, no que as persoas participantes puideron compartir experiencias e vivencias.

O BNG homenaxeou en Cabanas á Guerrilla Antifranquista e á súa Loxística