PIÑEIRAL

Exiximos a paralización inmediata das cortas no piñeiral da Madalena

20190423_201508
20190423_201508

O BNG de Cabanas exixiu explicacións ao goberno municipal polas cortas de piñeiros na Madalena, e estas foron insatisfactorias. O PP, novamente, executa outra tala sen criterio no piñeiral.

Exiximos a paralización inmediata das cortas no piñeiral da Madalena

Ao longo da semana pasada, un número de árbores apareceu marcadas con X ao longo do piñeiral da Madalena, tanto ao longo da zona enlousada como dentro do piñeiral, sinalando unha posíbel nova corta. Esta sumaríase ás xa efectuadas ao longo dos últimos anos, debido ás cales o piñeiral perde cada vez máis masa árborea e faise máis vulnerábel aos efectos dos temporais, o que incrementou tamén a frecuencia e cantidade de árbores derrubadas polo efecto do vento. 

Ante a alarma dunha nova corta no piñeiral, o noso concelleiro, Iago Varela, preguntou na comisión do pasado luns, 22 de abril, polas árbores marcadas. Segundo o goberno local, só estaba previsto cortar as árbores ao longo do paseo, para evitar que as raíces continúen a erguer o enlousado, e declaráronse sorprendidos das marcas en árbores noutras posicións ao longo do piñeiral.

Porén, nos dous días seguintes, vimos como as cortas foron levadas adiante, tanto nas árbores do paseo como nas do piñeiral. Por iso, o BNG de Cabanas, exixiu no pleno de hoxe, 24 de abril, a paralización inmediata de todas as cortas de árbores no piñeiral da Madalena.

 

Ademais, apoiamos a proposta do concelleiro de Somos Cabanas de crear unha mesa de diálogo para a recuperación do piñeiral, habida conta de que as medidas de replantación de exemplares non foron máis aló dunha medida propagandística por parte do goberno municipal á hora de buscar "mecenas" para a plantación no piñeiral. En palabras do noso voceiro municipal, Iago Varela: "É hora de que coidemos dunha vez o Piñeiral da Madalena, e os últimos catro anos deixaron claro que este goberno municipal non é quen de facelo. O 26 de maio temos a oportunidade de escoller un novo goberno, que, entre outras cousas, preocuparase de protexer o piñeiral".