O BNG de Cabanas denuncia a tala masiva de árbores no Piñeiral da Madalena

O BNG de Cabanas denuncia a tala masiva de árbores no Piñeiral da Madalena

 

tala piñeiral - 2O BNG de Cabanas vén de alertar da tala masiva de piñeiros e outras especies arbóreas que se está a producir durante os últimos días no Piñeiral da Praia da Madalena, un dos espazos de maior riqueza natural da localidade, xunto coas Fragas do Eume.

 

 

Desde a formación nacionalista denuncian a “tala indiscriminada” que afecta a ducias de piñeiros, o que provocou a aparición de grandes claros no bosque. Os lugares máis afectados por estas actuacións son a zona central do piñeiral, preto da área de estacionamento de autobuses, e a extensión próxima á vía do tren.

 

 

“Estanse a cortar árbores de varias décadas de antigüidade e completamente sas sen criterio algún”, sinalou Iago Varela, voceiro municipal do BNG en Cabanas, quen tamén fixo especial fincapé no “escurantismo das actuacións”, en referencia á ausencia de información sobre os traballos e ao tapado de moitos dos toros “para tratar de ocultar o impacto da desfeita medioambiental”.

 

 

“Á grave perda ecolóxica hai que sumar a perda da sombra e o dano paisaxístico nun dos lugares máis empregados pola veciñanza e visitantes para a práctica de deporte ao aire libre e o ocio en xeral”, sinalou Varela. O concelleiro nacionalista pregúntase cal é o motivo destas actuacións “das que non se nos deu explicación ningunha”, e agarda que non existan “intereses económicos” detrás das mesmas. Así mesmo, asegurou que, de ser o caso, “non dubidarán en poñer os acontecementos en coñecemento da Fiscalía”.

No BNG lembran que xa non é a primeira tala no Piñeiral: No 2010 a Demarcación de Costas cortou preto de 600 exemplares no Piñeiral da Madalena, e que pese á promesa de repoboar con 3 árbores por cada árbore talada (o que faría un total de 1800 novas árbores) unicamente chegaron a plantarse 450 piñeiros, dos cales máis da metade nin saíron adiante nin foron repostos.