PROGRAMA 2023

Cabanas merece un goberno que defenda todas as causas xustas

D-NgAoVXYAEWC-7
Cabanas merece un goberno que defenda todas as causas xustas

Hoxe, 17 de maio, non é só o Día das Letras Galegas, senón que tamén é o Día contra a LGTBIfobia. E queremos aproveitar este día no que se unen estas dúas causas xustas para comezar a presentarvos o programa de goberno do BNG de Cabanas.

Facémolo, precisamente, coas áreas de Normalización Lingüística e diversidade/LGTBI, dúas áreas que creamos de cero neste mandato, dotándoas de persoal e actividade, e que queremos impulsar aínda máis no próximo.

En Normalización defenderemos un servizo municipal de NL estábel, dotado de persoal e orzamentos, para desenvolver a ordenanza que aprobamos neste mandato e fomentar o uso e o prestixio do galego en todos os ámbitos sociais. Priorizaremos a mocidade, organizando actividades de socialización en galego, e cursos de formación e sensibilización, procurando sempre que a NL sexa unha política transversal a toda a acción de goberno e que esta contribúa a unha maior valoración, calidade e uso do galego.

E en Diversidade/LGTBI seguiremos a rexeitar a discriminación por calquera condición: raza, etnia, sexo, orientación sexual, identidade de xénero, capacidade... e faremos políticas de diversidade que apoien o colectivo LGTBI, colaborando coas persoas que forman parte del.

E todo isto facémolo porque cremos que é o correcto, porque cremos firmemente que son causas xustas, como o son o feminismo, o ecoloxismo e a defensa da terra, a memoria histórica (na que desde o BNG organizamos a homenaxe á guerrilla antifranquista e que tamén incluímos aquí)...

Porque Cabanas merece un goberno que defenda todas as causas xustas. #CabanasMereceMáis

MEDIDAS DO PROGRAMA:

  • Normalización Lingüística

-Continuar a entender a Normalización Lingüística e a Dignificación da Lingua Galega como unha política transversal e necesaria ao longo de toda a acción de goberno.
-Defender e potenciar un servizo municipal de normalización lingüística estábel, dotado de recursos humanos e dotación orzamentaria suficientes, que xestionará e executará as accións e medidas necesarias para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais.
-Desenvolver a ordenanza de Normalización Lingüística aprobada neste mandato como ferramenta de actuación a nivel municipal das medidas incluídas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
-Garantir que todas as accións do concello procuren unha maior valoración, calidade e uso do galego. Por exemplo, a comunicación municipal, as contratacións de empresas, as intervencións dos cargos públicos, os actos xurídicos, a contratación de persoal, a concesión de subvencións, os programas de formación etc.
-Ofertar, en colaboración cos centros de ensino, actividades para a socialización en galego. Contar coa infancia e a adolescencia como ámbitos de actuación principais á hora de establecer as medidas deste departamento.
-Organizar, desde a área de Normalización Lingüística, cursos de formación en ferramentas de actuación para que persoas interesadas poidan contribuír á Normalización Lingüística desde os seus diferentes ámbitos, ampliando o efecto das políticas municipais.
-Continuar a apoiar o asociacionismo a prol da lingua e as súas actividades.
-Promover actividades de difusión da cultura lusófona como ferramenta que tamén contribúe ao prestixio e normalización da nosa lingua.
-Recuperar a microtoponimia mediante a súa incorporación á sinalización e a cartelaría. Difundir os coñecementos existentes sobre os microtopónimos locais.
-Solicitar aos medios de comunicación que respecten a lingua das noticias xeradas en galego.

  • Diversidade e LGTBI

-Rexeitar a discriminación por calquera condición: raza, etnia, sexo, orientación sexual, identidade de xénero, capacidade...
-Realizar políticas de diversidade que apoien e reivindiquen o colectivo LGTBI, colaborando coas persoas que forman parte do mesmo.

  • Memoria Histórica

-Expresar a nosa condena como concello polo golpe de estado militar de 1936 e pola ditadura franquista.
-Promover o desenvolvemento dun programa de actividades (en colaboración con entidades da memoria e outros concellos) arredor da memoria histórica, a represión e a resistencia contra o fascismo.
-Organizar "roteiros da memoria" para honrar a historia das persoas que se viron obrigadas a fuxir ás Fragas do Eume, así como a da veciñanza que colaborou cos perseguidos.
-Organizar unha homenaxe pública aos cargos políticos e aos traballadores e traballadoras de Cabanas que foron vítimas da represión franquista.
-Fomentar a investigación da historia local.

Cabanas merece un goberno que defenda todas as causas xustas