Un novo modelo enerxético para Cabanas

Un novo modelo enerxético para Cabanas

novo-modelo-enerxetico-732x329

 

O modelo enerxético actual causa graves problemas, que se manifestan tanto a escala global coma a nível local. Aos xa coñecidos problemas ambientais (como o quecemento global ou a contaminación atmosférica) únense problemas sociais sociais e económicos, cada vez máis incitantes, como o preocupante incremento da poboación que carece dun acceso axeitado á enerxía ou a falta de transparencia e información dos mercados enerxéticos.

 

 

O sistema enerxético debe transitar desde un modelo baseado no consumo desmesurado de recursos, baseado nos combustíbeis fósiles e a enerxía nuclear, cara outro modelo baseado no aforro, a eficiencia e as enerxías renovábeis. Por sorte, a evolución destas últimas nos últimos anos foi fulgurante, o que nos permite afrontar o cambio de modelo enerxético a prezos inferiores aos que pagamos na actualidade.

 

 

Os concellos non deben nin poden permanecer alleas a este cambio; son as administracións públicas máis próximas á cidadanía e por iso son as primeiras que deben xogar un papel exemplificante e informativo. Por outro lado, todas as administracións públicas, e nomeadamente as municipais, son xestoras dun enorme patrimonio e teñen uns custes crecentes en materia de enerxía. Custes, en moitas ocasións, que adoecen dunha xestión axeitada. Existe un gran potencial de xerar aforros importante, que poden destinarse a usos máis axeitados.

 

 

Por todo isto, no BNG - Asembleas Aberas de Cabanas adquirimos unha serie de compromisos para levar adiante nos próximos anos.

 

 

O primeiro deles é o compromiso de planificación estratéxica, coa creación dun Plan de Acción Municipal (PAM) que terá como eixos vertebradores a sostibilidade social, ambiental e o novo modelo enerxético, orientado a reducir a cero as emisións de gases de efecto invernadoiro para o 2050 grazas á eficiencia enerxética, o uso de enerxías renovábeis e un urbanismo centrado na accesibilidade e de baixa intensidade enerxética. Así mesmo, elaboraremos a curto prazo un Plan de Acción de Enerxía Sostíbel (PAES), que servirá de diagnose enerxética, establecendo indicadores e priorización de accións de nulo ou baixo investimento con maior potencial de aforro enerxético.

 

 

O segundo compromiso é a posta en marcha dunha serie de medidas a levar adiante. Son as seguintes:

 

 

01. Desenvolver campañas de sensibilización, formación e fomento da cultura enerxética en todos os ámbitos do concello (particulares, comercio, industria, primario) mediante actos públicos, talleres, xornadas e cursos.

 

 

02. Contratar a enerxía eléctrica municipal con garantía de orixe 100% renovable.

 

 

03. Establecer un equipo de traballo transversal para a elaboración, execución e seguimento dos plans estratéxicos (PAES e PAM).

 

 

04. Facilitar a obtención de forma regular dos datos enerxéticos e económicos necesarios para a súa xestión: indicadores de eficiencia e eficacia, transformación de custo en investimento, cálculos de amortización…

 

 

05. Deseñar e implantar accións de eficiencia enerxética nas instalacións municipais priorizando cambios de hábitos para eliminar os dispendios no consumo. Os aforros conseguidos polo cambio de hábitos investiranse, en parte ou na súa totalidade, en novas medidas de eficiencia enerxética, priorizando accións que xeren grandes aforros a curto prazo. Exemplo: monitorización de equipamentos municipais (electricidade, auga e combustíbeis).

 

 

06. Implantar programas de eficiencia enerxética nos centros educativos, como o proxecto 50/50, probada ferramenta de aforro e educación ambiental, consistente en devolver o 50% dos aforros á escola, mediante subvención directa e reinvestir a outra metade en novas medidas de aforro, eficiencia e renovábeis no mesmo centro educativo, coa participación na decisión da corporación municipal.

 

 

07. Aplicar medidas de loita contra a pobreza enerxética: talleres de formación en eficiencia enerxética e facturas a traballadores sociais e familias, difusión e tramitación do bono social, pequenos investimentos en melloras de illamentos e instalacións…

 

 

08. Deseñar e executar todas as construcións ou obras municipais novas con criterios de consumo de enerxía case nulo (eficiencia enerxética, intelixencia e uso de enerxías renovábeis).

 

 

09. Implementar accións de mobilidade sostíbel: fomento de transporte público, uso de vehículos sostíbeis (bicicletas, vehículos eléctricos ou propulsados por hidróxeno…), sistemas de agregación da demanda de mobilidade (coche compartido, coche comunitario, transporte a demanda,…).

 

 

10. Deseñar un plan para substituír paulatinamente por vehículos eléctricos todo o parque móbil municipal, abastecidos con electricidade de procedencia renovable (en fotolineras ou similares). Salvo excepcións moi xustificadas, non se adquirirán novos vehículos públicos propulsados por motores de combustión.

 

 

11. Establecer medidas fiscais de fomento da eficiencia enerxética e as enerxías renovábeis: bonificacións en ordenanzas fiscais para proxectos de autoconsumo, rehabilitación enerxética, construción sostíbel, vehículos eléctricos, ...

 

 

12. Revisar as ordenanzas municipais para eliminar as trabas administrativas innecesarias que puidesen dificultar a instalación e posterior operación de sistemas de autoabastecemento enerxético a partir de enerxías renovábeis.

 

 

O 24 de maio tes a oportunidade de facer co teu voto que Cabanas camiñe cara un novo modelo enerxético. Facelo posíbel, depende de nós.

 

Un novo modelo enerxético para Cabanas