Néstor Rego asegura en Cabanas que a AP-9 será gratuíta se o BNG é decisivo
Destacou que o BNG logrou a única rebaixa na súa historia ao conseguir a gratuidade da volta
Lembrou que, pola contra, o PP non aprobou ningunha mellora con 10, goberno de Rajoy en Madrid e de Feijóo en Galiza
O candidato e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, comprometeuse nun acto en Cabanas a que, se o BNG é decisivo a partir do 23X, a AP-9 será gratuíta. Destacou que, cun só deputado, o BNG conseguiu unha baixada histórica das peaxes, coa gratuidade do tramo de volta, mentres acusou a PSOE e PP de hipotecar aos galegos e galegas con prórrogas que só benefician a Audasa.
A AP-9 é nesta campaña un bo símbolo e un claro exemplo das distintas maneiras que os deputados e deputadas galegas teñen de representar o país no Congreso. Así o defendeu Néstor Rego que lembrou en Cabanas que grazas ao BNG se conseguiu unha baixada histórica das peaxes na AP-9 cando no acordo de investidura logrou incluír a gratuidade do tramo de volta para persoas usuarias asiduas ademais doutras rebaixas como a gratuidade do tramo Vigo-Redondela. "Un só deputado consegue o que nunca antes se fixera, a primeira baixada da AP-9 na súa historia no outro lado da balanza está o PP que non aplicou ningún desconto cando tiña 10 deputados e deputadas galegas, goberno en Madrid con Rajoy e en Galiza con Feijóo", sinalou Rego na súa intervención en Cabanas na que se referiu tamén ás distintas prórrogas que que deixan a autoestrada en mans de Audasa até o 2048.
"Esixiremos a finalización da concesión porque, a tal altura, só hai unha posibilidade que é unha autoestrada libre de peaxes, pola que xa pagamos máis do debido. Ademais dun saqueo aos petos de galegos e galegas, temos que lembrar que as prórrogas foron declaradas ilegais pola UE. Que a AP-9 non sexa xa gratuíta é pública e unha decisión política que terán que explicar PP e PSOE, os verdadeiros responsábeis", defendeu Néstor Rego.
Para o candidato do BNG pola Coruña, que a AP-9 continúe a estar privatizada é un exemplo de "discriminación" que sofre Galiza xa que, segundo apuntou, outras infraestruturas de antigüidade semellante á autoestrada galega remataron unhas concesións que non foron prorrogadas. A AP-9 en cambio, continuou nas mans de Audasa primeiro grazas á prórroga de 10 anos asinada polo goberno de Felipe González e despois pola de 25 anos que decidiu Aznar. "Temos que lembrar que, sen esas dúas prórrogas do PSOE e PP, a autoestrada sería libre en 2013, hai xusto dez anos. Iso é o que lle debemos a gobernos que insisten na discriminación histórica de Galiza", afirmou Néstor que defendeu, unha vez máis, a titularidade galega da autoestrada.
Grupo galego forte pola gratuidade total
Comprometeuse Néstor Rego a que, se do 23X sae un grupo galego forte unha das esixencias será anular a prórroga e conseguir que a AP-9 sexa pública e libre de peaxes. "Para nós é unha prioridade, porque xa é hora de rematar co saqueo a galegas e galegos e defender unha medida de especial relevancia á que temos dereito. O BNG quedou só diante desta demanda histórica e, se o 23X somos determinantes nun panorama sen maiorías, imos facer que se cumpran as promesas e que podamos circular pola AP-9 sen pagar", sinalou Rego.