Moitas contas e moitos contos: o BNG desmonta o triunfalismo do alcalde sobre as subvencións
A formación nacionalista lémbralle a Couce que xestionar fondos é “unha obriga básica dun Concello, non un mérito extraordinario”
As grandes actuacións anunciadas non son froito da xestión actual, senón herdadas do traballo feito polo BNG no goberno do anterior mandato
O BNG de Cabanas critica a lectura triunfalista feita polo alcalde, Fernando Couce, arredor da xestión de subvencións no ano 2025, cun texto publicado nas redes sociais municipais e enviado a medios de comunicación que é máis un exercicio de propaganda política do que unha análise realista da situación económica e da capacidade de xestión do Concello.
E é que unha análise detallada amosa que os investimentos máis relevantes de entre os anunciados —a rehabilitación da nave de Vilar do Colo e a mellora ambiental e dixital do Piñeiral, que superan conxuntamente o millón de euros— non corresponden a ningunha actuación feita a cabo polo goberno actual, senón que son froito directo do traballo realizado polo BNG no mandato anterior. Trátase de dúas actuacións estratéxicas cun peso moi significativo nun orzamento anual coma o de Cabanas, que apenas supera os 3 millóns de euros.
O resto das actuacións corresponden maioritariamente a fondos de outras administracións, especialmente do Plan Único da Deputación da Coruña, un programa anual, impulsado polo BNG no goberno provincial no que os concellos coñecen de antemán os recursos dispoñíbeis de forma transparente e previsible. Nese contexto, asignar as actuacións ás que destinar estes fondos non é ningún logro político, senón unha obriga mínima de xestión. O verdadeiro problema sería non facelo.
Cómpre engadir, ademais, que unha parte importante das actuacións enumeradas polo goberno municipal neste apartado corresponden a obras de anualidades anteriores, que agora se suman sen xustificación ás cantidades de 2025 para tentar facer pasar por exitosa o que en realidade foi unha xestión discreta, na que o goberno municipal, ademais, renunciou a unha destas axudas, correspondente ao POS+2022, por ser incapaz de levala a cabo.
Desde o BNG tamén se considera pouco serio presumir de subvencións estruturais e recorrentes, como as destinadas a socorristas, limpeza de praias, oficina de turismo, servizos sociais, promoción da lingua galega ou programas de conciliación. “Son fondos que chegan por defecto e que forman parte do funcionamento ordinario dun Concello. Presumir diso é facer pasar o normal por excepcional”, sinala o voceiro municipal do BNG, Iago Varela.
“Tramitar e xustificar subvencións entra dentro das funcións básicas dun Concello. O mérito non está en anuncialas a bombo e prato, senón en ter un proxecto, captar fondos novos e mellorar realmente a vida da veciñanza” destacou o portavoz municipal.
Esta estratexia de propaganda resulta aínda máis preocupante se se pon en relación coa situación económica real do Concello, marcada por unha falta de planificación, tensións nas contas municipais que obrigan a usar o remanente para pagar os salarios do persoal e ausencia de proxecto a medio e longo prazo. “Hai moito anuncio e pouca estratexia; moita nota de prensa e pouca visión de futuro”, engade o portavoz nacionalista.
O BNG lembra, ademais, que o único legado do alcalde en canto a subvencións “son aquelas que perdeu ou ás que renuncia por ser incapaz de tramitalas”, como as destinadas e mellorar o parque infantil do Areal, a humanización da N-651 ou a cuberta de Lavandeira, oportunidades cuxa renuncia supuxo un prexuízo real para Cabanas e á súa veciñanza.
En contraposición, o BNG reivindica o traballo realizado no anterior mandato para captar fondos con planificación e ambición, como os xa comentados Fondos de Transición Xusta para a rehabilitación da nave de Vilar do Colo, a posta en marcha dun espazo de traballo compartido (coworking), a mellora ambiental e dixital do Piñeiral da Madalena ou o PSTD Fragas do Eume (xunto co resto de concellos da comarca do Eume), que permitiu impulsar actuacións transformadoras (entre elas unha área de caravanas) das que o Concello segue beneficiándose hoxe.
“O problema deste goberno local é que, sen ese traballo previo, ten moi pouco que contar. As contas están aí, pero os contos xa non convencen”, conclúe Iago Varela.