Iniciativas ante a supresión de servizos de pediatría
Ante a supresión de servizos de pediatría no Centro de Saúde de Pontedeume, que afectan directamente á veciñanza de Cabanas e outros concellos limítrofes, desde o BNG vimos de presentar as seguintes iniciativas no Parlamento de Galiza.
Nº Rexistro 38.146 - Pregunta
Á Mesa do Parlamento.
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada Montserrat Prado Cores e do deputado Francisco Xesús Jorquera Caselas, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, formula a seguinte PREGUNTA PARA RESPOSTA ORAL, relativa á intención de suprimir un pediatra no centro de saúde de Pontedeume.
Os recortes que o Goberno galego está aplicando en materia de sanidade están provocando un deterioro continuado do sistema sanitario público, recortes que se están aplicando dun xeito xeneralizado, tanto na atención hospitalaria como en atención primaria, e en todo o territorio galego.
Dentro dos recortes, o persoal é dos principais afectados, sendo sistemática a redución de profesionais, o que significa maior carga de traballo e que a calidade asistencial tamén se vexa afectada.
Un exemplo desta situación concrétase no centro de saúde de Pontedeume no que ata o de agora había dous profesionais de pediatría, que pasaban consulta en horario de mañá e de tarde. Estes profesionais atenden aos nen@s dos concellos de Pontedeume e Cabanas, e un día á semana, os venres, o de horario de tarde, pasa consulta no concello de Monfero.
Diversas informacións indican que a Consellaría de Sanidade ten a intención de suprimir a praza de pediatría no horario de tarde do centro de saúde de Pontedeume.
Se isto se confirma, significaría un grande prexuízo para a poboación infantil da zona que atende. Primeiro polos problemas de conciliación que suporía ao quedar só consulta de pediatría en horario de mañá, e segundo pola saturación que de seguro se produciría na consulta de mañá, ao ter que asumir un único pediatra a carga de traballo que ata o de agora desempeñan dous profesionais. Un servizo que xa na actualidade non está a dar citas para realizar as revisións periódicas d@s nen@s, facendo a indicación a quen a demanda que pregunten a finais de xullo.
A poboación infantil do concello de Monfero tamén se verá gravemente prexudicada, ao suprimirse a xa única e insuficiente consulta semanal, Monfero está a 35/40 quilómetros de Pontedeume co que lles vai obrigar a percorrer esa distancia para as consultas ordinarias.
A saúde é un dereito fundamental, e máis cando son nen@s @s afectad@s, e polo tanto o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego considera inaceptábel o recorte de persoal e polo tanto a intención de eliminar unha praza de pediatría do centro de saúde de Pontedeume, e por isto formulamos as seguintes preguntas para a súa resposta oral en en comisión:
- Cal é a razón da supresión da praza de pediatría en horario de tarde do centro de saúde de Pontedeume?
- Ten avaliado a tremenda repercusión negativa que esta decisión vai supoñer para a poboación infantil da zona que atende?
- Coida a Consellaría que un só pediatra pode atender a toda a poboación infantil adscrita ao centro de saúde de Pontedeume?
- Son conscientes da máis que previsíbel saturación que se vai a producir no servizo
- Parécelles de recibo que @s nen@s de Monfero teñan que desprazarse arredor de 40 quilómetros para acudir ao pediatra?
- Coida que se pode prestar unha atención sanitaria de calidade cos continuos recortes en persoal que están a realizar desde a Consellaría de Sanidade?
Nº Rexistro 38.145 - Proposición non de Lei
O Parlamento de Galiza,insta ao Goberno galego a que manteña as dúas prazas de pediatría, unha en horario de mañá e outra de tarde, existentes ata o de agora no centro de saúde de Pontedeume.