PROGRAMA
Ideas Claras: O noso medio
As nosas propostas programáticas no ámbito do medio ambiente, incluíndo sustentabilidade, as Fragas do Eume, a liña de costa, especies invasivas, residuos e o modelo enerxético.
Cabanas conta cun entorno natural único. Porén, moitas veces non se lle presta a atención suficiente, e se non poñemos todo o noso esforzo en coidalo, corremos o risco de perder toda a riqueza atesourada.
Desde o BNG demandamos o coidado e protección desta riqueza, tanto polo valor por si mesmo que ten vivirmos nun entorno coidado e os valores medioambientais intrínsecos como polas potencialidades económicas que crea esta situación.
Ademais, tamén queremos un concello responsábel co medio ambiente en xeral, polo que traballamos nunha serie de propostas para facer de Cabanas un entorno medioambientalmente sustentábel.
- Protexer e poñer en valor todos os ámbitos de riqueza ambiental do Concello, como as Fragas do Eume, a liña de costa, ou os ríos Ventín e Baa. Redactar un plano de posta en valor das especies animais que forman parte destes ecosistemas, e en especial das aves.
- Establecer limpezas periódicas dos ríos, levadas a cabo mediante modelos de intervención mínima, de cara a evitar inundacións. Erradicar as actuacións con maquinaria pesada en cauces fluviais.
- Estudar as posibilidades dun plano de forestación para axudar á fixación do CO2.
- Elaborar un plano de conservación dos montes e prados que forman parte da área da Veiga e reabrir o camiño que comunica co río.
- Manter en vigor e aplicar a prohibición da instalación de circos con animais, dado que estes son sometidos a un trato antinatural e se ven obrigados a sobrevivir fóra do seu hábitat, tal como foi aprobado por iniciativa do BNG neste mandato.
- Poñer en marcha o Punto Limpo de Vilar do Colo, en colaboración cos concellos de Fene, Ares e Mugardos.
- Asumir desde o concello un papel activo en materia de vixilancia e conservación das masas forestais, controlando o impacto das pistas forestais, actuando na conservación das masas de frondosas ripícolas (de ribeira e marxe) e promovendo a protección de zonas de especial interese ambiental.
- Loitar contra a lacra dos incendios forestais dentro da competencia municipal, traballando na prevención e asegurando o cumprimento da normativa de protección de núcleos rurais.
- Establecer medidas de incentivación económica para a limpeza das franxas de protección contra incendios e a plantación de frondosas.
De entre os nosos recursos naturais, as Fragas do Eume constitúen un tesouro único. Porén, a xestión do Parque Natural das Fragas do Eume leva sendo un despropósito desde hai moito tempo, pois a Xunta obra unilateralmente, obviando a participación social e a implicación dos propietarios e da veciñanza que vive dentro das Fragas. O PRUX que se propuxo até o de agora non contiña medidas de compensación nin aos propietarios das terras nin ás persoas que viven nos núcleos que están situados dentro do parque, así como tampouco ningún tipo de medidas socioeconómicas para a creación de emprego.
O BNG quere que a xestión do Parque Natural se faga coa participación dos propietarios e veciñanza e con dous obxectivos: a conservación das Fragas e a dinamización económica da zona.
- Elaborar un novo PRUX das Fragas do Eume, feito de acordo coa veciñanza e propietarios, e incluíndo tanto medidas medioambientais para garantir que as Fragas estean protexidas como medidas de impulso socioeconómico e laboral.
- Crear un observatorio das Fragas para que a poboación local, tanto veciñanza e propietarios coma outros colectivos interesados, poidan achegar propostas sobre a situación das Fragas.
- Exixir por parte da Xunta o establecemento de compensacións económicas para veciños e propietarios das Fragas.
- Estender e ampliar as medidas propias de compensación establecidas polo Concello.
- Poñer en marcha propostas para a creación de emprego asociado ás labores de mellora, conservación e mantemento do Parque Natural e vinculadas co desenvolvemento sostíbel deste espazo.
- Dotar de infraestruturas o Portal de Irís. -Establecer novas rutas de sendeirismo e novos puntos de entrada ás Fragas desde Soaserra.
- Promover a substitución da flora alóctona e a plantación de frondosas mediante a incentivación económica, como se está a facer no concello de Ribadeo, gobernado polo BNG.
Ao igual que as Fragas, a nosa costa tamén ten un valor impresionante, con parte dos últimos bosques de ribeira das Rías Altas. Porén, o seu estado non sempre é o mellor. É necesario loitar pola conservación da liña de costa.
E dentro desta liña de costa ten un lugar destacado o Piñeiral da Madalena. As cortas que leva sufrindo nos últimos anos diminuíron a masa arbórea, de xeito que agora é moito máis vulnerábel aos temporais, que tomban máis árbores, como puidemos ver por exemplo en abril do 2017. Porén, as cortas continúan até o día de hoxe.
- Erradicar os vertidos á ría e aos ríos, poñendo en valor estes como espazos naturais.
- Mellorar a limpeza de areais e zonas costeiras.
- Realizar medidas de protección ante a erosión, e moi particularmente apuntalar o talude en Chamoso para evitar a caída do camiño de acceso.
- Vixiar o cumprimento das normas de navegación para evitar situacións de perigo.
- Recuperar a enseada do paseo, mediante a súa limpeza do xeito máis beneficioso para o ambiente e a erradicación dos verteduras á mesma, para así poder aproveitarmos a súa riqueza paisaxística e ambiental e marisqueira.
- Elaborar un plan de recuperación e posta en valor do Piñeiral da Madalena, suspendendo as cortas e planeando a replantación de exemplares suficientes como para asegurar a súa pervivencia.
A introdución de especies animais e vexetais de orixe foránea está a romper o equilibrio natural dos noso ecosistemas.
A avespa velutina causa importantes impactos no entorno onde se asenta, e particularmente na apicultura.
A Couza Guatemalteca leva varios anos impedindo a plantación de patacas no territorio do concello. A ausencia de positivos nos últimos anos, fai que Cabanas poida estar libre xa desta praga, mais polo de agora a Xunta continúa a incluírnos dentro da zona de exclusión.
O Plumacho e outras especies vexetais degradan o chan e impiden o crecemento doutras especies.
É urxente poñer barreiras e controlar a proliferación destas especies, e esforzaremos por erradicalas, Aínda que non ignoramos a dificultade que supón loitar contra a súa presenza.
- Xestionar directamente desde o concello todas as acción que se leven a cabo dende as diferentes administracións, dentro do territorio municipal, para a erradicación da velutina.
- Poñer a disposición da veciñanza un teléfono para avisar da presenza de niños. Farase un seguimento dos tempos de resposta e a xeolocalización dos asentamento do niño
- Establecer convenios coas asociacións de apicultores presentes na nosa comarca para reforzar os efectivos de loita directa, prevención e trampeo contra a avespa velutina.
- Solicitar á Xunta a reavaliación da presenza da Couza Guatemalteca en Cabanas e no caso de que continúe sen haber positivos, solicitar a exclusión da prohibición do cultivo en Cabanas ou cando menos a súa consideración como zona tampón.
- Establecer medidas de compensación económica para as persoas que non poidan cultivar pataca.
- Elaborar un plan de actuación para a erradicación dos “plumachos” (Herba da Pampa - cortaderia selloana), acacia mimosa e o fungo “estrela vermella” (Clathrus archeri), especies invasoras que están a danar gravemente o hábitat en diferentes zonas do concello.
As verteduras ilegais de residuos provocan un grave deterioro do noso entorno, incidindo directamente na vida de animais, plantas e mesmo seres humanos.
Do mesmo xeito, cómpre denunciar o depósito de áridos asfálticos contaminantes por parte da empresa Manmer S.L. nunha parcela en Vilar do Colo. Estes residuos foron recoñecidos no pasado como un problema ambiental e de saúde pública, dada a perigosidade dos refugallos, a inadecuación da parcela na que están depositados e a posibilidade de verteduras ao Río Baa. Despois dun expediente de reposición da legalidade da APLU (con execución subsidiaria por parte da Xunta) e unha sentencia xudicial, os áridos continúan no mesmo estado.
- Elaborar un plan de control sobre as verteduras ilegais, identificando en que puntos do concello suceden con meirande frecuencia, e vixiando estes para evitalos, e se é o caso, sancionar a quen os cometa.
- Exixir a retirada inmediata dos áridos contaminantes do polígono de Vilar do Colo.
O modelo enerxético actual causa graves problemas, que se manifestan tanto a escala global como local. Aos coñecidos problemas ambientais (quecemento global, contaminación atmosférica…) súmanse os problemas sociais e económicos cada vez máis incitantes, como o preocupante incremento da poboación que carece dun acceso axeitado á enerxía ou a falta de transparencia e información dos mercados enerxéticos. O sistema enerxético debe transitar desde un modelo de consumo desmesurado de recursos, baseado nos combustíbeis fósiles e a enerxía nuclear, cara a outro modelo baseado no aforro, a eficiencia e as enerxías renovábeis. Por sorte, a evolución destas últimas nos últimos anos foi fulgurante, o que nos permite afrontar o cambio de modelo enerxético a prezos inferiores aos que pagamos na actualidade. Os concellos non deben nin poden permanecer alleos a este cambio; son as administracións públicas máis próximas á cidadanía e por iso son as primeiras que deben xogar un papel exemplificante e informativo. Por outro lado, todas as administracións públicas, e nomeadamente as municipais, son xestoras dun enorme patrimonio e teñen uns custes crecentes en materia de enerxía. Custes, en moitas ocasións, que adoecen dunha xestión axeitada. Existe un gran potencial de xerar aforros importante, que poden destinarse a usos máis axeitados.
- Crear un Plan de Acción Municipal (PAM) que terá como eixes vertebradores a sostibilidade social, ambiental e o novo modelo enerxético, orientado a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro para o 2050.
- Elaborar a curto prazo un Plan de Acción de Enerxía Sostíbel (PAES), que servirá de diagnose enerxética, establecendo indicadores e priorización de accións de nulo ou baixo investimento con maior potencial de aforro enerxético.
- Desenvolver campañas de sensibilización, formación e fomento da cultura enerxética en todos os ámbitos do concello (particulares, comercio, industria, primario) mediante actos públicos, talleres, xornadas e cursos.
- Contratar a enerxía eléctrica municipal con garantía 100% renovábel.
- Aplicar medidas de loita contra a pobreza enerxética: talleres de formación en eficiencia enerxética e facturas a traballadores de servizos sociais e familias, difusión e tramitación do bono social, pequenos investimentos en melloras de illamentos e instalacións…
- Implementar accións de mobilidade sostíbel: fomento de transporte público, uso de vehículos sostíbeis (bicicletas, vehículos eléctricos ou propulsados por hidróxeno…), sistemas de agregación da demanda de mobilidade (coche compartido, coche comunitario, transporte a demanda, etc.)
- Establecer medidas fiscais de fomento da eficiencia enerxética e as enerxías renovábeis: bonificacións en ordenanzas fiscais para proxectos de autoconsumo, rehabilitación enerxética, construción sostíbel, vehículos eléctricos, …