Un concello que fomente a cultura e o deporte
A promoción cultural levada a cabo polo Concello de Cabanas é cativa para un concello do noso peso poboaciónal, ademais de pouco diversificada. É por iso que desde o BNG - Asembleas Abertas cremos que é preciso levar a cabo unha política cultural na que as entidades culturais teñan o papel protagonista, algo que fomentaremos do seguinte xeito:
Diversificando a actividade cultural, de cara a achegala a todos os grupos sociais e diversos ámbitos de interese.
Traballando na promoción da participación das entidades e asociacións culturais na xestión cultural do concello.
Creando unha biblioteca municipal con áreas de actividades (estudo e traballo, actividades infantís, etc) e reforzando a súa profesionalización.
Recuperando do abandono a Escola Laica, o Apeadoiro do Areal e outras infraestruturas municipais para o seu uso polivalente de promoción cultural.
Poñendo en valor o noso patrimonio histórico, cultural, ambiental e arqueolóxico, de cara ao seu disfrute por parte da veciñanza e á mellora da atracción turística.
Dignificando a lingua galega e apoiando a creación e difusión cultural en calquera das súas manifestacións.
No que ten a ver co deporte, queremos un modelo deportivo que, sen desprezalo, vaia máis aló do fútbol e os seus clubes. Por iso desde o BNG queremos un concello que apoie os equipos de base de todas as disciplinas deportivas, mediante a cesión de instalacións, subvencións das viaxes e a colaboración na xestión das escolas deportivas municipais. Ademais, propomos
Apoiar os deportes minoritarios e xogos tradicionais.
Relaxar a inversión en novas instalacións, centrándose en manter as xa existentes.
Colaborar coas entidades de promoción do deporte en todos os eidos, aproveitando as súas actividades para a posíbel posta en marcha de escolas municipais co apoio do concello.
Promocionar as probas deportivas populares.
Un concello que aposte polo fomento da cultura e o deporte, depende de nós.
Crédito imaxe: Cabanas KDM