Un concello comprometido coa nosa lingua

Un concello comprometido coa nosa lingua

galego

 

Hoxe, 17 de maio, desde o BNG – Asembleas Abertas de Cabanas queremos facer explícito o compromiso continuado coa nosa lingua.

 

 

Un compromiso que non comeza hoxe, aquí, senón que vén de lonxe na nosa longa vida colectiva, herdeiras e herdeiros, como somos, das Irmandades da Fala, cuxo nacemento aconteceu hai case cen anos. E que tampouco remata hoxe, senón que se materializará todos e cada un dos días deste ano, e do seguinte, e de todos os que están por vir…

 

 

Amosamos esta nosa firme determinación na defensa da nosa lingua porque sabemos que, desde os concellos, podemos realizar un labor fundamental para promover o galego, conseguindo promovelo en todos os ámbitos, tratándoo coa maior das dignidades e contaxiando o optimismo que sentimos ao escoitar con orgullo a nosa lingua na boca de persoas de todas as idades que queren continuar a se sentiren galegas a través do idioma.

 

 

Planificar tempos de esperanza para a lingua galega é para nós unha prioridade política. Por iso, para alén doutras moitas accións que rodean a nosa vida diaria e fan posíbel que vivamos en galego a pesar de todas as dificultades, anunciamos as seguintes medidas, polas que traballaremos para que se convertan nunha realidade:

 

 

Promover unha revisión e actualización dos acordos e normas municipais en materia de uso da lingua guiada polo criterio da transversalidade da normalización lingüística en todos os ámbitos da acción municipal.

 

 

Apoiar o asociacionismo a prol da lingua como unha garantía de avance nas políticas lingüísticas que xulgan prioritaria a defensa do galego e a aposta pola diversidade lingüística.

 

 

Considerar as crianzas e a mocidade sectores estratéxicos a que irán orientadas boa parte das medidas que se desenvolverán. Por tanto, será un labor continuado deseñar medidas e ofrecer actividades para a socialización en galego, tanto en colaboración con centros de ensino de todos os niveis, como con outras entidades ou ámbitos de especial relevancia para a socialización da infancia e da mocidade.

 

 

Comprometerse a aplicar as medidas incluídas no Plan xeral de normalización da lingua galega.

 

 

Aproveitar o potencial normalizador que presta o carácter internacional da nosa lingua co obxectivo de incrementar a autoestima lingüística da cidadanía e de enfatizar a proxección do galego. Realizar todas as presións necesarias para facilitar e facer realidade a recepción das televisións de Portugal na Galiza.

 

 

Garantir que todas as accións do concello procuren unha maior valoración, calidade e uso do galego, como por exemplo a comunicación municipal, as contratacións de empresas, as intervencións dos cargos públicos, os actos xurídicos, a contratación de persoal, a concesión de subvencións, os programas de formación etc. Garantir os dereitos lingüísticos da veciñanza.

 

 

Recuperar a microtoponimia e incorporar as denominacións do rueiro.

 

 

Solicitar dos medios de comunicación que respecten a lingua das noticias xeradas en galego.

 

 

Crear ou reforzar servizos de normalización lingüística estábeis, dotados de recursos humanos e partidas orzamentarias suficientes, que xestionarán e executarán as accións e as medidas necesarias para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais.

 

 

Traballar a prol da diversidade lingüística e cultural desde o orgullo do noso.

 

Un concello comprometido coa nosa lingua