O CUSTE DA OBRA, XA EFECTUADA, TERÁ QUE SAÍR DOS FONDOS PROPIOS DO CONCELLO, CREANDO UN IMPORTANTE BURATO E AFECTANDO Á VECIÑANZA.

O Concello de Cabanas, obrigado a devolver 112.000 € dunha subvención

Plano das actuacións no Pavillón de Lavandeira
Plano das actuacións no Pavillón de Lavandeira

Tal e como advertira o BNG, a Xunta esixiu o reintegro do financiamento adiantado para a substitución da cuberta do Pavillón de Lavandeira pola incapacidade do goberno do PP de facer seguimento da obra.

1,2 millóns en fondos europeos de Transición Xusta, 180.000 € para a Humanización da N651 e os investimentos locais do PSTD Fragas do Eume -todos conseguidos polo anterior goberno- penden dun fío pola falta de avances.

O Concello de Cabanas, obrigado a devolver 112.000 € dunha subvención

O BNG de Cabanas quere denunciar, unha vez máis, a incompetencia e a falta de xestión do goberno municipal do Partido Popular, que levou a que este luns tivese que devolver 112.000 euros da subvención para a substitución e mellora da eficiencia enerxética do Pavillón de Lavandeira.

Esta axuda, solicitada no anterior mandato polo BNG e os seus socios de goberno, foi resolta o 29/05/2023, e un mes despois, o 29/06/2023, o Concello de Cabanas recibía un adianto por 112.000 euros na súa conta bancaria.

O goberno do Partido Popular -que chegou ao goberno municipal sen proxecto, propostas nin ganas, e tras unha campaña electoral baseada en mentiras e rumores- foi incapaz de executar a obra en tempo, o que o levou a perder a subvención de 140.000 €, dos que este luns devolveu os 112.000 euros xa percibidos en concepto de adianto.

"Por moito que se escusen na meteoroloxía, a devolución do adianto é responsabilidade exclusiva da desidia do actual goberno", sinalou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela.

Malia o goberno do PP ter xa concedida a subvención no momento da súa toma de posesión (o 17/06/2023) e ingresado o adianto só doce días máis tarde (o 29/06/2023), non foi até máis de dous meses despois (o 21/08/2023) cando publicou a licitación da obra na Plataforma de Contratación do Estado, e aínda tardou outro mes e medio máis (04/10/2023) en proceder á adxudicación. "Choveu, si, mais porque a súa desidia fixo que comezasen as obras ben entrado o outono cando podían ter comezado en verán", recalcou Varela.

“O grave, máis aló de que o Concello de Cabanas teña que devolver esta importante contía, é que agora seremos as veciñas e veciños de Cabanas as que teremos que asumir o custe das obras pola incapacidade do alcalde e o seu equipo”, denunciou Varela. Para o Concello de Cabanas, que conta cun Orzamento anual de algo máis de 3 millóns de euros, asumir un gasto extraordinario de 140.000 € co que non conta supón un importante burato financeiro. “Con eses cartos poderíase, por exemplo, facer obras de mellora da rede de abastecemento de auga, que nas últimas semanas sufriu numerosas roturas que deixaron sen servizo a centos de veciños”, engadiu o BNG.

Varela advirte ademais que “con moita probabilidade” este non vai ser o único financiamento conseguido durante a anterior etapa que perda o actual goberno local do Concello de Cabanas. As dúas subvencións dos Fondos Europeos de Transición Xusta (para a rehabilitación da nave municipal de Vilar do Colo e para a rexeneración e dixitalización do Piñeiral da Madalena, respectivamente) por un investimento total de 1,2 millóns de euros, os 180.000 € consignados mediante convenio nominativo pola Deputación da Coruña para o proxecto da Humanización da N651 ao seu paso pola Avenida do Areal e os investimentos locais vencellados ao PSTD das Fragas do Eume corren o mesmo risco, vista a falta de avances no que vai de mandato.

“Unha proba máis de que temos un goberno local que goberna "de rebote" e que nin ten a capacidade, nin as ganas, nin o proxecto para gobernar Cabanas. Merecemos un goberno que traballe con seriedade e rigorosidade”, concluíu o portavoz municipal do BNG, Iago Varela.

O Concello de Cabanas, obrigado a devolver 112.000 € dunha subvención